CD BarcoDeportesFútbolÚltima hora

O CD Barco convida aos escolares ao partido do 27 de marzo en Calabagueiros contra o Xuvenil Ponteareas

Con esta campaña, para a que se repartirán 6.000 entradas, o club de fútbol retoma a colaboración co CCA O Barco

 

Despois de dous anos de parón, as actividades deportivas e lúdicas volven activarse e no caso do fútbol, dende o CD Barco e o CCA O Barco decidían retomar a campaña “O noso futuro, a túa ilusión” para convidar aos escolares de todo o oriente ourensán, Quiroga e Puente de Domingo Flórez (xunto cun acompañante) ao partido que o conxunto vermello disputará o vindeiro domingo 27 de marzo ás 17:30 horas no campo de Calabagueiros contra o Xuvenil Ponteareas.

O que pretenden con esta campaña é achegar o fútbol semiprofesional a todos os nenos e intentar incentivar a canteira. Así o explicaba o presidente do Centro de Deportes Barco, Nilo Ramos, na rolda de prensa que daban no mediodía deste mércores 16 de marzo na praza do Concello barquense. Acompañado por outros membros da directiva, polo concelleiro de Deportes e polo presidente do CCA, Ramos asegurou que a situación xeográfica dificulta o asentamento da base “xa que con 16-17 anos os xogadores marchan e poucos poden chegar ao primeiro equipo pero en idades máis temperás, a partir de prebenxamíns, a nosa intención é primeiro formar persoas e despois intentar sacar algún xogador”.

Con esa idea repartirán 6.000 entradas en todos os colexios e en nove establecementos asociados ao CCA (elixíronse os máis vinculados coa mocidade e o deporte) que serán os que as repartan entre os cativos.

 

Entrada para o partido CD Barco-Xuvenil Ponteareas.

 

Despois de agradecer a colaboración do CCA, do Concello e de todos os patrocinadores de base, o presidente do CD Barco adiantaba que ademais do sorteo de camisetas e chándales do club no descanso do partido, contan cun agasallo recén confirmado, unha entrada para o palco do Bernabeu ou do Wanda para catro persoas a un partido a elixir tanto polo Real como polo Atlético de Madrid. “Do que se trata é de que os nenos pasen unha boa tarde”, conclúe Nilo.

Como representante do Concello, Aurentino Alonso daba unha vez máis as grazas ao CD Barco e persoalmente a Nilo, por levar a cabo este tipo de iniciativas. “Eles teñen a sensibilidade de apostar polo deporte base ao que hai que mimar e non hai máis que ver a cantidade de actividades que teñen en torno aos nenos, e despois de dous anos volvemos á normalidade que parece que se vai asentando polo que debemos felicitarnos e seguir traballando nesta liña, de aportar pola base en calquera deporte”.

Pola súa banda, Jacobo Arias, presidente da asociación Centro Comercial Aberto O Barco, asegurou estar “satisfeitos de colaborar co CD Barco que fai un labor importante”, desexando que houbera máis categorías base tamén noutros deportes “e que hobera máis nenos, claro, pero se dos que hai algún se queda aquí e chega ao primeiro equipo mellor, é un aliciente para todos”.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button