DeportesÚltima hora

O CD Barco convida aos nenos de Valdeorras ao fútbol

O club barquense repartirá máis de mil entradas entre os colexios da comarca para o partido ante o líder de terceira división
Presentación da campaña na oficina do Centro de Deportes Barco en Calabagueiros. /Foto: Carlos G. Hervella.
Presentación da campaña na oficina do Centro de Deportes Barco en Calabagueiros. /Foto: Carlos G. Hervella.

O partido C.D. Barco-C.C.D. Cerceda que se celebrará en Calabagueiros o 6 de marzo será moi especial para o Centro de Deportes Barco. Non só porque o equipo local se enfronta ao líder de terceira división, senón porque ese día estarán convidados os máis pequenos de toda a comarca. Para iso, o club barquense repartirá entre os alumnos de primaria de todos os colexios da zona (O Barco, Sobradelo, Rubiá, Vilamartín, O Bolo, A Veiga, incluso Viana e tamén A Rúa se así o demandan) entre 1.000 e 1.200 entradas para asistir ao encontro. Ademais os comercios asociados ao Centro Comercial Aberto O Barco tamén repartirán entradas entre os pequenos.

A iniciativa, enmárcase dentro dunha campaña que o Centro de Deportes Barco puxo en marcha en colaboración co Concello do Barco e co CCA, e que era presentada na tarde do 18 de febreiro na sede do club de fútbol.

O presidente do CD Barco con dous membros da directiva do CCA O Barco. /Foto: Carlos G. Hervella.
O presidente do CD Barco con dous membros da directiva do CCA O Barco. /Foto: Carlos G. Hervella.

Na presentación, o presidente do club, Daniel Ramos explicou que a campaña levarase a cabo con diferentes accións. A inmediata é o convite dos máis cativos ao encontro, para tentar recuperar o interese dos pequenos polo fútbol real “non polo circo de fútbol que se está vendo ultimamente nos programas de televisión e demais”, dixo Nilo. Outra das accións implica diractamente ao Concello e fai referencia ao torneo de fútbol 7 que xa se está celebrando durante o verán, pero coa idea de dar un paso máis e facer un par deles antes, o primeiro seguramente en Semana Santa.

O concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso. /Foto: Carlos G. Hervella.
O concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso. /Foto: Carlos G. Hervella.

E xa de cara ao vindeiro curso escolar, o CD Barco pretende levar a cabo un proxecto que xa teñen en mente dende hai anos: facer unha liga comarcal das categorías inferiores “para que os nenos podan xogar tódalas fins de semana ou mediante torneos, xa se verá”. Para levar a cabo esta iniciativa, Nilo pediu a colaboración do CCA “non para que nos axuden a nós senón para promover e patrocinar equipos dende os diferentes comercios, igual que se facía antes”, asegurou, tendo o compromiso de apoio tanto por parte do Concello como da propia asociación que asegurou estar disposta “a colaborar no que podamos”, dixo a presidente Sandra Moldes.

Artigos relacionados

Back to top button