En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O CD Barco presenta o seu plantel para a nova tempada

O equipo, que seguirá dirixindo Manuel Pérez, conta con oito novas fichaxes e iniciará a pretempada cun partido amistoso fóra da casa co Bembibre

O campo de fútbol de Calabagueiros acollía nunha calurosa tarde de 22 de xullo á presentación do plantel do CD Barco para a súa nova tempada 2019/2020 na terceira división. O equipo, que seguirá dirixindo o técnico Manuel Pérez, contará con sete novas fichaxes, tal e como explicaba o presidente do club, Nilo Ramos, que tamén matizaba que o plantel “aínda non está pechado”.

Trátase dos centrocampistas Íñigo Pisón, Beto Ernesto e Carlos Villar, do interior dereito Marcos Jimeno, do defensa Dani Mateos, do lateral dereito Antonio Segura e do porteiro Iván Oviedo, así como de Andrés Calvo. Ademais o club segue mantén a presenza duns oito xogadores locais.

 

“Neste acto queremos amosar o noso agradecemento aos xogadores que continúan con nós e tamén aos que se incorporan. Ogallá esta sexa unha tempada de triunfos, como foi a pasada, na que a verdade é que estivemos moi preto do play off. Non nos imos poñer ningunha meta, a idea e manternos e o principal é empezar de cero, xa que hai moita xente nova, polo tanto, temos que mover e compactar o equipo e ogallá consigamos o obxectivo”, sinalaba Nilo Ramos.

Xunto a el estaban o alcalde do Barco, Alfredo García, o concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, e o edil de Medio Rural, Jesús Jares, que foi moitos anos directivo do CD Barco. O rexedor barquense dáballe a benvida aos xogadores novos e tamén lle agradecía aos que continúan a súa permanencia no equipo. Destaca ademais o papel da afección do CD Barco, “que está co equipo e anímao dende o primeiro ao último partido, que está ilusionada e cohesionada co equipo”.

 

Finalmente, o adestrador do CD Barco, Manuel Pérez, agradecía á directiva do club e ao equipo “os medios que nos dan en nome do corpo técnico e dos xogadores. Non me cabe dúbida de que o compromiso é máximo. Imos tratar de esforzarnos e de dar a mellor imaxe posible que O Barco pode dar, iremos en busca do límite e trataremos de ser ambiciosos pero sen marcarnos eses obxectivos que se comentaban. Do noso traballo depende o resultado final, así que o noso agradecemento e compromiso”.

O CD Barco comezará tempada xogando un partido amistoso fóra da casa o vindeiro día 27 de xullo co Bembibre.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button