CD BarcoDeportesEn portadaFútbolGalerías de fotosÚltima hora

O CD Barco sucumbe ante o Arousa, novo líder no grupo B de 3ª división

Co 0-2 se resolvía o partido da cuarta xornada de liga disputado na tarde do 8 de novembro en Calabagueiros

 

Tres vitorias en catro xornadas. Salvando a derrota pola mínima ante o Arenteiro na primeira xornada de liga, o Arousa non volveu perder no comezo desta peculiar tempada marcada polas medidas anticovid, situándose como novo líder no grupo B de 3ª división. Unha posición que lograba trala vitoria 0-2 ante o CD Barco no partido disputado na tarde deste domingo 8 de novembro no campo de Calabagueiros.

O equipo barquense que dirixe Manolo Pérez chegaba ao encontro desta cuarta xornada, coa necesidade de sumar para non quedar descolgado na clasificación, pero os arousáns de Saez Aboal non estaban dispostos a consentirllo.

Así, tralo minuto de silencio polo falecemento de varios socios do club barquense e da nai do anterior adestrador do Barco Javi Rey, comezaba o encontro dirixido polos árbitros David Pereira, Alberto Blanco e Adrián Fernández. A primeira parte, con claro dominio visitante remataba co 0-1 no marcador (gol de Alberto Campillo no minuto 11). O Barco tiña algunha ocasión pero non chegaba a transformar sendo o Arousa o que sentenciaba o encontro, co gol de Sergio Cotilla que poñía o 0-2 no minuto 87.

 

O CD Barco saltando ao terreo de xogo coas camisetas da Carreira das Cidades Contra o Cancro de Páncreas.

 

Ao partido, disputado nunha soleada tarde, asistía un número reducido de afeccionados (o aforo segue limitado a 150 persoas polas restricións sanitarias), aínda que o presidente do Barco, Nilo Ramos, espera que para a vindeira xornada xa lles permitan subir o aforo ata as 300 localidades. Para seguir mantendo as medidas anticovid e que os afeccionados non coincidan ao acceder ás  bancadas, o campo conta dende hai uns días con catro novos tramos de escaleiras de metal, un para cada sección.

Coa derrota colleitada esta tarde, o CD Barco baixa ata o décimo posto do grupo, cun total de catro puntos no seu historial. A seguinte cita será de novo en casa, o vindeiro domingo 15 de novembro, ante o Pontellas que está un posto debaixo dos barquenses.

Fotos: Mónica G. Bellver

 

Artigos relacionados

Back to top button