CD BarcoDeportesEn portadaFútbolÚltima hora

O CD Barco suma tres puntos de ouro nun duro partido ante a UD Somozas, en Calabagueiros

Co 3-1 remataba o encontro da xornada 32 en Terceira RFEF, a dúas para o final da liga

 

Quedan dous partidos para que remate a liga en Terceira División RFEF e o CD Barco non pode fallar se quere cumprir obxectivos e xogar a promoción. De aí a importancia dos tres puntos que sumaba, non sen esforzo, na tarde deste 14 de abril, Xoves Santo, ante a UD Somozas.

Os rapaces de Javier Rey saían ao terreo de xogo moi motivados e animados por unha activa afección que os segue acompañando, enchendo as bancadas de Calabagueiros nunha espectacular tarde, aínda que o gol facíase esperar e non era ata o minuto 27 cando Javi Pazos lograba poñer o 1-0 no marcador. Mantendo o ritmo de xogo, no minuto 35 Calvo marcaba o segundo tanto para O Barco, facendo que a  bancada se puxera en pé para celebralo con ansias.

 

 

Co 2-0 chegaba o descanso e tralo paso polo vestiario, o conxunto coruñés saía con enerxías renovadas recurtando distancias co gol de Rubén Blanco no minuto 58. A partir de aí os xogadores da UD Somozas apretaban na metade do campo sen apenas dar tregua aos locais, ata o punto de que estiveron a punto de empatar en varias ocasións. Así e todo, rozando xa o tempo de desconto David Álvarez marcaba para O Barco sentenciando o encontro co 3-1. Un final celebrado con aplausos, berros e bengalas.

 

 

Con este resultado os vermellos mantéñense no cuarto posto da clasificación con 51 puntos, un por riba do quinto, o Rápido de Bouzas. A seguinte cita será o domingo 17 de abril no campo do Arzúa que se mantén na metade inferior da táboa.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button