CD TrivesDeportesFútbolÚltima hora

O CD Trives decide non inscribir o equipo para a tempada 2020/2021

O club vén de emitir un comunicado trala decisión da Federación Galega de Fútbol de reactivar as competicións autonómicas o 24 de xaneiro

Durante un partido do CD Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Xa o viñan avisando. “Se a situación non mellora e non se garante un mínimo de seguridade, nós non xogaremos”, aseguraba o adestrador do CD Trives David Pérez no verán, cando comezaba a falarse do regreso á competición do fútbol. Pero non era ata hoxe cando facían pública a súa decisión.

“Tras unha única reunión (virtual) da directiva do CD Trives e dos xogadores, chegouse á decisión unánime de non inscribir o equipo para a tempada 2020-2021”, aseguran. No comunicado, feito público na tarde deste luns 28 de decembro, o club asegura que trala decisión da Federación Galega de Fútbol de reanudar as competicións a partir do 24 de xaneiro “decidimos non saír a competir”, unha decisión tomada “somentes e coherentemente dende o punto de vista da responsabilidade e do sentido común”, puntualizan.

Sen dúbida trátase dunha decisión dura para os afeccionados pero non é a primeira vítima deportiva que deixa o coronavirus nesta zona. Hai un mes era o Pizarras Los Tres Cuñados FS quen renunciaba, tamén por responsabilidade sanitaria, á súa praza na liga nacional. Esperemos que non haxa máis baixas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button