CD TrivesDeportesFútbolÚltima hora

O CD Trives regresa á competición cunha vitoria ante o CD Vilar de Barrio

Co 2-0 remataba o partido disputado na tarde deste 23 de outubro no Campo do Agro

 

No outono do ano pasado, en plena pandemia de coronavirus, O CD Trives era un dos primeiros equipos de fútbol en asegurar que non sairía a competir se non tiña garantías sanitarias. Nese momento garantías non había ningunha polo que foron moitos os equipos que se lles unían e finalmente as categorías inferiores non competían.

 

Plantel do CD Trives para esta tempada.

 

Pasaron os meses e coa situación sanitaria case regularizada, na xornada deste sábado 23 de outubro arrancaba a tempada 2021/2022 para os equipos de Segunda Galicia Ourense e, desta volta, o CD Trives si está disposto a pelexar de novo polo título. E o comezo non podía ser mellor, cunha importante vitoria conseguida en casa ante o Vilar de Barrio.

 

David Pérez repite á fronte do equipo trivés.

 

Por calendario, este primeiro partido de liga tiña que ser disputado en Vilar pero por obras no campo  decidían cambiar sendo O Agro en Trives onde medían forzas ambos equipos. O partido comezaba media hora tarde por problemas coa documentación e xa no terreo de xogo, diante da afección que segue ao pé do canón ao equipo, o CD Trives presentaba cambios no plantel con moita xente nova pero tamén importantes renovacións, entre elas a do míster David Pérez, e no era ata case finalizada a primeira metade do encontro (minuto 43) cando Roberto Pardo poñía o 1-0 no marcador. Tralo paso polo vestiario, era Brando Fente que sentenciaba o encontro co 2-0 no minuto 78.

Plantel do CD Vilar de Barrio.

 

A seguinte cita para os de David Pérez será de novo en casa, medíndose ante o CD Viana que este ano tamén compite en Segunda, no primeiro derbi do oriente ourensán da tempada.

 

Artigos relacionados

Back to top button