ConcellosÚltima horaViana do Bolo

O CEIP Bibei de Viana do Bolo solidarízase cos refuxiados ucraínos acollidos en Valdeorras

Vén de poñer en marcha o reto '100 km de camiño-100 kg de axuda' no marco do programa sobre o Camiño de Santiago

Preparando o primeiro envío de axuda para a familia acollida en Petín./ Foto cedida.

 

Neste curso o CEIP Bibei de Viana do Bolo está inmerso nun programa sobre o Camiño de Santiago no que un grupo de alumnos de 5º e 6º de Primaria e varios profesores do centro, están realizando por etapas o tramo da Vía da Prata entre Ourense e Santiago de Compostela. Un programa no que esta semana incluían un reto solidario ‘100 km de camiño-kg de axuda’ para botar unha man aos refuxiados ucraínos que chegaron recentemente a Valdeorras (Petín e A Rúa).

A idea partiu do profesor de Educación Física, Pepe Jiris, quen pretendía colaborar a nivel particular coa familia acollida de urxencia en Petín. “A través de coñecidos e grupos de WhatsApp pedían toda a axuda posible (alimentos non perecedoiros e artigos tanto de hixene persoal como para o fogar) para esta xente que o está pasando tan mal e, aproveitando que estamos facendo o Camiño de Santiago ocorreuseme plantexar o reto, contando por suposto coa aprobación do centro, de recoller un kilo por cada un dos quilómetros que percorreremos ata chegar a Compostela”, explica Jiris quen non dubidaba da solidariedade dos nenos, familiares e persoal do centro, aínda a resposta foi moito mellor do esperado e apenas tres días despois de poñelo en marcha, recollían bastante máis do previsto.

 

 

“Puxemos unha mesa no colexio onde van deixando os produtos  primeira necesidade e nestes días son os propios alumnos os que axudan a clasificar o material por lotes (pasta, leite, papel hixiénico,…). Hoxe levei o primeiro cargamento para a familia de Petín (non o pesamos senón que máis ben cuantificámolo por produtos e hoxe levei uns 250 artigos) pero queda outro tanto no centro e seguiremos recollendo ata o vindeiro venres”, adianta o mestre ,asegurando que están facendo un gran traballo solidario en común.

Con todo, recoñece que entre as donacións bota en falta artigos de hixiene para o fogar, como por exemplo deterxente e outro tipo de produtos similares “que tamén son moi necesarios”, di. Malia que este primeiro envío foi para Petín, esperan que a axuda chegue tamén á familia acollida na Rúa.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button