CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP de Quiroga lévase o segundo premio de Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2021

O centro educativo quirogués resultou premiado na categoría A, destinada a Educación Infantil e Educación Primaria

Exterior do CEIP de Quiroga.

 

A Xunta vén de recoñer o traballo de oito centros educativos galegos, entre eles o CEIP de Quiroga, co Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2021, convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade co obxectivo de impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas así como recoñecer o labor que, neste sentido, está a desenvolverse actualmente nos centros educativos. Trátase, deste xeito, de promover unha escola que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa a creación de contornas e culturas inclusivas.

O CEIP de Quiroga recibe o 2º premio na categoría A, destinada a Educación Infantil e Educación Primaria, dotado con 2.500 euros e o distintivo de Centro Educativo Inclusivo.

A comisión de selección valorou as boas prácticas realizadas a través da memoria presentada xunto coa solicitude de participación, tendo en conta aspectos como a calidade das accións, a coordinación docente, a implicación da comunidade educativa, a repercusión no proceso de ensino-aprendizaxe, a avaliación das accións, ou a súa repercusión a nivel de centro.

No caso do segundo galardoado, o CEIP de Quiroga, o proxecto elixido foi ‘Escola Inclusiva’, onde o centro entende a educación inclusiva como un proceso dialéctico entre a presenza, a aprendizaxe e a participación. Coa liña ‘Traballar a diversidade a través das contornas virtuais de aprendizaxe’, todo o grupo é consciente das vantaxes que supón dotar ao alumnado de competencias para a vida, para desenvolver capacidades do alumnado e brindar a oportunidade de aprendizaxe para toda a comunidade educativa. Así, dende o centro propoñen unha serie de actividades como a celebración de conmemoracións do día das persoas con discapacidade, o día internacional contra a violencia de xénero, un obradoiro de braille, lingua de signos americana na área de inglés, práctica de diferentes deportes paralímpicos ou gravación de vídeos en lingua de signos española onde se relatan poemas.

Artigos relacionados

Back to top button