CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP do Bolo comeza o curso 2019/2020 sen a unidade de Infantil

CCOO reclama "políticas de natalidade de emprego tras unha década de precariedade no ensino"

Daniel Rodríguez, Responsable de Comunicación, Información e Cultura (Ourense), da Federación de Ensino de CCOO Galicia./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Como cada ano, unhas semanas despois do inicio do curso 2019/2020, a CCOO Ensino presenta os datos actualizados do seu “Informe de catálogos 2009/2019”, uns datos que no caso do oriente ourensán seguen preocupando ao sindicato, especialmente no que se refire á perda de aulas e por conseguinte de profesorado, en Educación Infantil e Primaria.

“Na última década pecharon colexios como o de Montederramo e escolas unitarias e perdéronse 26 aulas de Infantil en Primaria, unha barbaridade, xa que supón o 21%, o dobre do dato xeral da provincia”, explicou o responsable de Comunicación, Información e Cultura (Ourense) da Federación de Ensino de CCOO Galicia, Daniel Rodríguez, durante a rolda de prensa que daba na mañá do 25 de setembro. A ese respecto, o ano pasado eran os colexios de Vilariño de Conso e o CEIP Manuel Respino da Rúa os que perdían unha aula de Primara cada un, e neste curso tocoulle o turno ao CEIP do Bolo que perdía a única unidade de Infantil. “Levaba anos no tinteiro pero grazas ao bo labor dos docentes e do Concello no seu momento púdose manter pero agora xa resultaba imposible porque non se fai ningún tipo de política que permita poboar e que haxa nenos así que acaban pechando”, asegura Daniel, alertando de que perder a aula de Infantil supón “condear ao colexio ao peche nun período curto de tempo, porque é a base e o piar”. Esta perda, ademais do profesor correspondente supón a perda da dirección “agora mesmo o que hai é un responsable de centro”.

Con respecto ao profesorado, como consecuencia do evidente peche de aulas prodúcese a supresión de postos do traballo, o 22% en 10 anos “case triplica a da provincia co 8%”, puntualizan dende CCOO Ensino que leva anos “denunciando que a Consellería está a deixar morrer os nosos pobos e vilas, política que está a afectar gravemente á provincia de Ourense, ao ser o rural un dos nosos maiores valores. A perda dos colexios nos pobos é o comezo da perda do municipio”, sentencian.

 

Fachada do CEIP do Bolo co castelo ao fondo. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

En Secundaria, os datos mantéñense bastante similares aos do curso pasado, destacando dende CCOO a “escasa oferta formativa da FP Básica, tendo en conta que preto do 20% do alumnado elixe esta opción para finalizar as ensinanzas obrigatorias”. Segundo explica o responsable de Comunicación, Información e Cultura (Ourense), esta é a única vía de escape para o alumnado que non vai ser capaz de superar 4º da ESO pola modalidade ordinaria  polo que “consideramos inaceptable que no oriente ourensán o alumnado só poida escoller entre Mantemento de Vehículos no Barco, Electricidade en Trives e Informática en Viana e A Rúa”. Ademais, CCOO Ensino demanda “a implantación de novos ciclos na nosa comarca que atendan o tecido industrial da zona, así como aqueles que permitan a continuidade formativa do alumnado nos nosos centros”, de feito denuncian que “centros como o IES Cosme López Rodríguez da Rúa solicitara o ciclo formativo de Grao Medio en Sistemas Microinformáticos e Redes para o curso actual, cunha previsión de 16-18 alumnos e a Consellería a rechazara no Consello Xeral de FP”.

E no que atinxe a infraestruturas, o sindicato mostra o seu “rechazo” á intención da Xefatura Territorial de Educación en Ourense de “trasladar o Centro de Formación e Recursos (CFR) do Barco ao IES Lauro Olmo; denunciando “un ano de mentiras por parte da Administración que prometeu en máis dunha ocasión que se incorporaría a segunda administrativa ao IES Lauro Olmo que a día de hoxe conta cunha soa que xestiona preto de 700 alumnos de diversas ensinanzas”.

 

Inicio de curso en Secundaria no IES Cosme López da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button