CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP do Bolo, entre os centros que participarán nun proxecto de compostaxe da Xunta

A iniciativa para impulsar a recollida separada da fracción orgánica, levarase a cabo ao longo do primeiro trimestre do curso 2019/ 2020

Fachada posterior do CEIP do Bolo co castelo ao fondo. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

O colexio de O Bolo é un dos 25 centros públicos de Primaria de Galicia, seleccionado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para participar neste curso nun proxecto pioneiro de compostaxe, para o que necesitan cumprir unha serie de requisitos: dispor de servizo de comedor escolar, contar con espazo verde para a instalación do composteiro, ter en funcionamento un horto escolar, non ter experiencia previa en programas de compostaxe escolar, e estar disposto a designar persoal responsable para a posta en marcha e seguimento do composteiro instalado no centro. Agora, recibirán os medios materiais necesarios para a instalación dunha zona para facer compost, así como a formación precisa para a súa posta en marcha e seguimento.

Con este plan a Xunta de Galicia pretende “achegar a compostaxe aos centros de ensino, mellorar a xestión dos residuos orgánicos xerados nos comedores escolares e reforzar as condutas de protección e respecto do medio ambiente do alumnado. Estes obxectivos específicos insírense dentro de outros dous máis globais: avanzar na descentralización da xestión dos residuos orgánicos en Galicia e servir de exemplo para a implantación de iniciativas semellantes en todo o territorio galego”.

Coa idea de implicar aos centros escolares, que poden xogar un papel fundamental polo seu carácter educativo e pola posición de referencia que ocupan na comunidade á que pertencen. Nese sentido, “formarase ao persoal de cociña e ao profesorado, para que poidan dirixir e supervisar as actividades a desenvolver durante o primeiro trimestre do vindeiro curso”, explican dende a consellería. O proxecto incluirá a realización de obradoiros sobre compostaxe e reciclaxe para o alumnado, así como a entrega dunha unidade didáctica sobre esta mesma temática.

Artigos relacionados

Back to top button