CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP do Bolo entre os finalistas do VI Festival de Cine 2018 de Alfoz-O Valadouro

Alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria participaron na gravación da curta “Alfonso X, O Sabio”

Baixo a premisa de aprender e imaxinar viaxamos á inqueda mente de Cristian, un rapaz de Primaria que está a aprender como apareceron as cantigas de Santa María e dentro do seu maxín mestura a súa realidade co que aprendeu, amosando un Alfonso que no seu castelo dá renda solta á súa creatividade. Este é o argumento de “Alfonso X, O Sabio” a peza audiovisual coa que o CEIP do Bolo se colaba entre os oito finalistas do I certame de curtas, no 6º Festival de Cine 2018 de Alfoz-O Valadouro.

Tal como explican dende o centro escolar, con motivo da chegada do Pergamiño Vindel a Galicia, os alumnos de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria sumerxéronse de cheo nun proxecto educativo centrado na Idade Media. Un traballo que remataba coa gravación da curta que competíu con obras profesionais, logrando un gran recoñecemento por parte da organización no acto celebrado o día 10 de marzo na Casa da Cultura de Ferreira, localidade ata a cal se desprazaron os alumnos participantes, as súas familias e parte do profesorado.

Os protagonistas da cinta son Roberto Álvarez, Rosa María Cárriba, Mercedes Álvarez e Hugo García; con Critian Raúl Aira como presentador; Ainara López como voz en off; e Emilio Manuel González na produción. A música (Cantiga 166) correu por conta de Ainara López, Rosa María Cárriba, Elías Fernández, Antón Bieito e Sheila Vila. Ademais, no vestiario colaboraron Paula Pose e alumnos de 5º do centro; en atrezzo, Mercedes Álvarez; en son, Jorge López; e na dirección, Jorge López.

Artigos relacionados

Back to top button