CulturaCulturaEducaciónEn portadaMúsicaÚltima horaVídeos

O CEIP Julio Gurriarán do Barco inaugura un mural adicado a Florencio e obra de OrdeCaos

 

A comunidade educativa do CEIP Julio Gurriarán do Barco reuníase nesta mañá no patio do centro para un acto moi especial. Inaugurábase un enorme mural adicado ao corgomés Florencio Delgado Gurriarán, poeta ao que se lle adican este ano as Letras Galegas, obra doutro creador vilamartinés, Pedro Álvarez, que asina como OrdeCaos. Representa con realismo ao poeta, pero tamén aos temas que aborda na súa obra, cunha referencia a Valdeorras.

A primeira en tomar a palabra, tras a presentación a cargo do profesor Crespo, era a directora do colexio, María Luz Moldes, quen agradecía ao autor da obra “a súa arte, a súa paciencia e o seu tempo”, expicando tamén que algúns dos alumnos colaboraban en certos momentos na realización do mural.

Deseguido, OrdeCaos comentaba que máis que explicar a técnica e a obra, “que penso que fala por si mesma”, prefería que fosen os escolares do centro os que lle preguntasen. E así foi. As cuestións eran do máis variado, dende como foi o proceso, “que se complicou máis do que esperaba”, confesaba o artista, ata canto tardou e en que outro de manifestacións artísticas traballaba. Tamén querían saber os alumnos que significaban os diferentes elementos representados na obra e quen escolleu o poema que completa o mural: “Casoiro”, do autor corgomés. Neste último caso a elección viña da man do Equipo de Normalización Lingüística do centro.

 

 

O acto concluía coa entrega dun agasallo a Orde e Caos e tamén cunha homenaxe moi especial de todo o alumnado. Primeiro dous escolares de segundo recitaban “Casoiro” e, a continuación, tanto alumnos como profesores cantaban “Aí vén o Maio”, na adaptación musical realizada por un profesor do centro, Nacho Hermida.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button