SanidadeÚltima hora

O CEIP Manuel Respino da Rúa gana tres premios da I edición do certame “Chefs saudables”

Ao concurso presentáronse 87 vídeos realizados por alumnos de Infantil e Primaria nos que prepararon receitas saudables
Fachada lateral do CEIP Manuel Respino da Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

Un total de 1.734 alumnos de Educación Infantil e Primaria de 31 centros galegos participaron na I edición do certame “Chefs saudables” organizado pola Consellería de Sanidade, entre os que estaba o CEIP Manuel Respino da Rúa que conseguía tres galardóns.

Ao certame concorreron 87 vídeos nos que os rapaces tiñan que preparar unha receita saudable dun prato principal que, a lo menos, tiña que conter legumes, peixe e/ou verduras e hortalizas. Ademais, había que incluír unha explicación da razón pola que elixiron esa receita e os motivos polo que consideran que é saudable.

Nesta primeira edición establecéronse tres categorías de participación, en función das idades dos rapaces: primeira categoría, de Educación Infantil (4º-6ª curso); segunda categoría, de Educación Primaria (1º-3º curso); e terceira categoría correspondente a Educación Primaria (4º-6º curso), sendo nas dúas últimas onde o CEIP Manuel Respino era premiado.

 

Horta no centro escolar rues./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A aula de 2º de Educación Primaria conseguía o 2º premio na segunda categoría polo seu prato Bolboreta á mariñeira. E xa na terceira categoría, o 1º premio foi para a aula de 6º B de EP polo seu prato Popietas de pescada con humus de garavanzos e ensalada; e o 2º para a aula de 5º de EP polo seu prato Lentellas á vinagreta con atún.

Houbo ademais unha categoría especial, correspondente a centros con menos de 50 escolares, cuxo 3º premio foi para o CEIP de Vilariño de Conso co seu prato Lentellas Mix.

Artigos relacionados

Back to top button