CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

O CEIP Otero Pedrayo do Barco incorpora o Sistema Lupo ao horario lectivo

O arquitecto David Rodríguez imparte clases de matemáticas a través do xogo

¿Quen dixo que as matemáticas non son divertidas? Esta pregunta poderíaselle facer aos alumnos do CEIP Otero Pedrayo de Viloira (O Barco de Valdeorras), que na mañá do 10 de outubro asistían á primeira das entretidas clases centradas no Sistema Lupo que o colexio vén de incorporar á oferta educativa da man do arquitecto David Rodríguez Antuña.

Aprender xogando é o eslogan do Sistema Lupo, unha ferramenta didáctica baseada no xogo con mecanismos e dinámicas aptas para a aprendizaxe lúdica. Partindo da arquitectura e do tradicional xogo de bloques de construción, Lupo extende a súa didáctica cara as matemáticas, o debuxo, a física, a arte, a historia, a música e mesmo o deseño.

A finais do pasado curso académico, en xuño deste mesmo ano, tiña lugar no centro barquense un obradoiro sobre arquitectura infantil no que David amosaba aos pequenos como resolver problemas e cuestións tendo como base pequenas pezas de madeira (tipo Lego) e outras de maior tamaño, de porexpan.

Nese momento, a directora do centro Remedios Arias aseguraba que “é moi importante afrecer aos cativos novos sistemas de aprendizaxe, para motivalos, para que aprendan dunha forma divertida e asistan ás clases con ilusión e alegría”, adiantando que a iniciativa fora unha proba para ver como respondían os cativos, tendo a intención de incorporar este sistema á oferta educativa do centro de cara ao vindeiro curso “para que todos os nenos teñan opción”, dixo. Hoxe esa idea é unha realidade e neste curso 2016/2017 todos os alumnos terán a oportunidade de asistir a esta clase.

Na primeira, que contaba coa asistencia do alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García e o inspector de Educación, Pedro Moreiras, acudían á clase os alumnos de 1º e 2º de Primaria aprendendo entre outras cousas, os diferentes sistemas de medidas antropométricas (pés, pulgares, codos) a través de historias e exercicios prácticos. Quince días despois farano os de 3º e 4º e por último os de 5º e 6º, continuando coas sesións ao longo do curso.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button