CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

O CEIP Otero Pedrayo de Viloira festexa as Letras Galegas con bailes tradicionais e versos de María Victoria Moreno

Os alumnos e profesores deste colexio barquense celebraban un animado e orixinal festival nos Xardíns da Casa Grande

Desfilando coa danza mariñeira dos arcos, mentres soaban a gaita e as pandeiretas, chegaban ata os Xardíns da Casa Grande de Viloira (O Barco) os alumnos do CEIP Otero Pedrayo. Alí agardábanos expectantes multitude de persoas, boa parte delas pais e nais dos escolares. Tras os aplausos, dous alumnos, Uxía e Boni, subíanse ao escenario preparado para a ocasión para presentar un orixinal e fermoso festival, no que a música e os bailes tradicionais galegos ían intercalándose con retazos da vida e da obra de María Victoria Moreno, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano.

“É a cuarta muller que leva este recoñecemento na historia da celebración, tras Rosalía de Castro, Francisca Herrera e María Mariño. María Victoria foi unha das pioneiras na narración en galego para o público infantil e xuvenil”, sinalaban estes dous alumnos antes de dar paso á seguinte actuación: a “Muiñeira de Lugo”, a cargo dos nenos de Educación Infantil.

Despois sairían os rapaces de 6º de Educación Primaria para cantar “Saia da Carolina”, os de 1º, 2º e 3º bailaban a “Muiñeira de Lugo e, finalmente, os de 4º e 5º de Primaria bailaban a “Muiñeira de Molete”. Cada unha destas actuacións ían acompañadas pola música en directo do gaiteiro Adrián Cotado, así como polo son das pandeiretas e bombos de escolares e profesoras. O acto concluía cunha lectura de poemas da autora homenaxeada por parte de rapaces de diferentes cursos.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button