CulturaCulturaEducaciónÚltima horaVídeos

O CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa, en catro selos de curso legal de Correos

Violeta García Prada de 5º de Primaria foi a gañadora do concurso de debuxo convocado pola Federación Española de Sociedades Filatélicas

 

Ata o xoves 27 o CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco acolle a exposición filatélica ‘O mundo dos selos’ organizada por FESOFI (Federación Española de Sociedades Filatélicas) e patrocinada por Correos, composta de diferentes paneis explicativos, vitrinas expositivas e obxectos relacionados co mundo dos selos.

A inauguración tiña lugar na mañá deste luns 24 de xaneiro no salón de actos do centro escolar barquense, onde o monitor nacional de filatelia, Juan Carlos, explicou todos os segredos dos selos, comprobando como a través das imaxes dos selos pódese aprender historia, xeografía, arte, coñecer lugares do mundo, personaxes ilustres e mesmo películas.

 

 

Juan Carlos tamén aproveitou a ocasión para dar a coñecer o nome do gañador do concurso de debuxo que a propia Federación convocara hai xa máis dun ano, no que se pedía aos estudantes que debuxasen algo representativo do municipio. Trátase de Violeta García Prada de 5º de Primaria, cuxo debuxo foi convertido en selos de curso legal. A idea era entregarlle os selos a Violeta pero o Covid obrigaba á rapaza a permanecer en corentena co cal recibía a nova por vía telemática. Así, a través de videoconferencia, era felicitada polos seus compañeiros de clase que asistían ao acto xunto ao profesor, á directora do centro Carmela García e á concelleira de Educación do Concello do Barco, Margarida Pizcueta, que recibía un agasallo por parte do monitor.

Ademais dos selos co debuxo de Violeta no que plasmou o logo do colexio, Correos tamén editou outros tres selos sobre o colexio. “Son selos válidos para mandar cartas, pero non están á venda en correos porque son personalizados. Ademais, é unha maneira de promocionar a cultura e patrimonio do Barco”, destacaba o monitor da actividade.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button