CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso de Trives incorpórase ao programa educativo sobre robótica

O centro recibirá, por parte da Consellería de Educación, unha dotación de material relacionada coa robótica educativa para poder levar a cabo o proxecto

Fachada do CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso, da Pobra de Trives.

 

Un total de 18 centros de ensino públicos da provincia de Ourense desenvolverán este curso o programa de innovación educativa “Introdución á robótica educativa en primaria”, que ten como obxectivo que “o alumnado poida iniciarse na experiencia de programación básica, robótica e construción”.

Aos 16 centros da provincia que xa impartían clases deste programa e que continúan (entre os que está o CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira no Barco de Valdeorras), a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de incorporar neste curso 2019/20 dous centros docentes públicos máis. Trátase do CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso (A Pobra de Trives) e do CEIP Padre Crespo (Xunqueira de Ambía).

“Introdución á robótica educativa en primaria” enmárcase na estratexia Edudixital 2020 e vai dirixido ao alumnado dos cursos 4º, 5º ou 6º de educación primaria. Cada centro educativo, dentro da súa autonomía, pode integrar a robótica de diversas maneiras: mediante unha materia de libre configuración de centro no marco da normativa vixente, dentro das materias de forma transversal, a través de programas de innovación educativa desta consellería ou obradoiros que se desenvolvan fóra do horario lectivo.

Tal como adiantan dende a Consellería de Educación, cada centro docente de nova incorporación seleccionado para desenvolver o programa, nesta ocasión o de Trives e o de Xunqueira de Ambía, recibirá unha dotación de material relacionada coa robótica educativa para poder levar a cabo o proxecto, que estará formada por 6 robots de uso educativo, adecuados ás idades do alumnado, 6 kits de construción que permitan a realización dun mínimo de 5 proxectos diferentes, un manual de uso e unha guía didáctica.

Artigos relacionados

Back to top button