CulturaCulturaÚltima hora

O censo do oso pardo cantábrico comezará a realizarse en setembro

En Galicia mostrearanse 43 cuadrículas: 34 na provincia de Lugo, 4 en Ourense e 5 no P. N. Invernadeiro

Por primeira vez vaise realizar un un censo de oso pardo de maneira simultánea en todo a área de distribución do oso pardo cantábrico usando a mesma metodoloxía. Así, na elaboración deste proxecto(coordinado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, co asesoramento do CSIC e a Universidade Autónoma de Barcelona) participarán Galicia, Castela e León, Asturias e Cantabria.

“Este traballo supón un gran reto e ao mesmo tempo un claro reflexo da actuación coordinada das administracións responsables da xestión desta especie e que require da colaboración de todos”, segundo a Consellería de Medio Ambiente.

O oso pardo está incluído no Catálogo español e galego de especies ameazadas na categoría de “En perigo de extinción”, así como nos anexos II (especies para as que é preciso declarar zonas de protección) e IV (protección escrita) da Directiva Hábitats, con presenza na Comunidade Autónoma de Galicia, e que conta cun plan de recuperación aprobado.

Os primeiros traballos, as prospeccións, que levarán a cabo están dirixidas á toma de mostras non invasivas desta especie (como por exemplo, mostras de excremento e pelo) durante o período que vai do 1 de setembro ao 15 de decembro de 2020. “O obxectivo desta primeira etapa é obter perfís xenéticos individuais de cada exemplar (baseados en utilización de Polimorfismos de Nucleótido Simples (SNPs) e realizar unha estima poboacional. Nunha segunda etapa, traballarase no grao de conectividade entre os núcleos da poboación e de parentesco entre os exemplares”, adianta Medio Ambiente.

Un dos puntos fortes desta modalidade de traballo  é o feito de desenvolver a individualización xenética mediante SNPs (Polimorfismos de Nucleótido Simples); así como en avanzar nas posibilidades de desenvolvemento dun estudo de conectividade e parentesco -na segunda fase- aproveitando a análise previa da individualización xenética. O traballo de xenotipado da primeira etapa realizarase nos laboratorios da UAB (Universidade Autónoma de Barcelona) e os da segunda etapa correrán a cargo do CSIC.

Desde a Consellería de Medio Ambiente deféndese que “grazas ás técnicas de individualización xenética de exemplares poderase ter un coñecemento preciso sobre cales son as características determinantes da ocupación do territorio, de todos os segmentos da poboación de oso pardo cantábrico (osos adultos reprodutores, osas adultas reprodutoras, osas con crías, osos subadultos divagantes, osas subadultas), e cales son realmente os patróns de ocupación do territorio dos individuos concretos pertencentes a eses segmentos poboacionais”.

En Galicia mostrearanse 43 cuadrícolas

Este coñecemento servirá de referencia fundamental para a toma de decisións de xestión da poboación de oso pardo cantábrico no seu conxunto. O censo realizarase ao mesmo tempo en todas as comunidades autónomas cantábricas (no período comprendido entre o 1 de setembro ao 15 decembro), de tal maneira que en Galicia mostrearanse 43 cuadrículas (34 na provincia de Lugo, 4 en Ourense e 5 no PN Invernadeiro).

Nese sentido, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural vén de trasladar aos responsables e aos técnicos dos Servizos de Patrimonio Natural de Lugo e Ourense, así como aos axentes territoriais dos distritos nos que levarán a cabo estas mostraxes, información para a posta en común do protocolo de traballo e deseño da mostraxe e da necesaria coordinación na recollida das mostras.

A Consellería de Medio Ambiente salienta que “a participación e colaboración dos axentes ambientais é imprescindible e necesaria, pois ademais de ser coñecedores do territorio de primeira man, a súa experiencia achegará maior rigor á recollida das mostras, que sempre se realizará seguindo os protocolos establecidos pola UAB e o CSIC, posto que é preciso un cumprimento estrito para que dito censo sexa un éxito”.

Artigos relacionados

Back to top button