En portadaÚltima hora

O Centro Astronómico de Trevinca, un referente astroturístico e divulgativo

Estas instalacións, situadas no municipio da Veiga, eran inauguradas este luns polo presidente da Xunta de Galicia

 

Desde agosto de 2015, Pena Trevinca está acreditado como un dos quince lugares do mundo onde mellor se ven as estrelas. Esta certificación, concedida pola Fundación Starlight, recoñece precisamente a esta zona valdeorresa como un punto xeográfico perfecto para a observación astronómica pola case nula contaminación de luz no seu punto máis alto, ademais de cumprir con outros requisitos como a dispoñibilidade de aloxamento, medios de observación e persoal formado para interpretación astronómica.

Ademais, agora, eses ceos nocturnos teñen un complemento moi especial: o Centro Astronómico de Trevinca. Situadas nun monte de man común de tres localidades da Veiga (Valdín, Baños e Corzos), a unha altura de case 1.400 metros, as instalacións supuxeron un investimento de preto de 600.000 euros achegados pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense. Entre as dúas dotacións conta con dúas cúpulas de observación, telescopio solar, un planetario, simulador de voo, unha exposición de materiais procedentes meteoritos e unha ampla variedade de material didáctico para unha das súas importantes funcións como é a divulgación.

Esta infraestrutura, que xa acollía diversas actividades neste mes de novembro, eran inaugurada neste luns 29 de novembro polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen aseguraba que será “un revulsivo para a comarca fomentando o turismo e a promoción dos recursos naturais e científicos”. E aseguraba que esta inauguración supón “unha celebración de todo o rural”.

 

 

No acto interviña tamén o alcalde da Veiga, Juan Anta, que amosaba a súa gratitude. “Creo que hoxe é un día para dar as grazas”, primeiro á veciñanza “porque nunca perdeu a ilusión, nunca renunciou a traballar, a soñar”. Despois o rexedor agradecía ao presidente da Xunta e ao seu equipo de conselleiros “o trato humano e eficaz, si se fixo unha discriminación positiva da Veiga e un esforzo da Xunta para que os pobos teñan vida”. Tamén agradecía o apoio da Deputación de Ourense, “con Manuel Baltar empezou todo”, dicía, e o dos traballadores do Concello da Veiga.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, resaltaba que o Centro Astronómico de Trevinca “é un novo proxecto estratéxico que se suma ás singularidades dos atractivos de Ourense, pois en España hai pouco máis dunha ducia de destinos Starlight, e está chamado a ser un referente en Galicia e no noroeste peninsular”.

 

 

Desde Pena Trevinca, “o punto máis alto de Galicia que nos ofrece aos ourensáns unha ampla perspectiva do que está a suceder e prepararnos para o que vén, non para o que hai”, o presidente provincial explicaba que o Centro Astronómico é o resultado de dous factores. O primeiro, “a cooperación entre os gobernos local, provincial e autonómico”, e o segundo “a visión como unha das competencias e actitudes innatas en política, neste caso unha aposta do alcalde da Veiga que desde o primeiro momento tivo o apoio da Deputación, sendo todo un acerto”.

 

 

As instalacións, proseguía Baltar, “convértense nun motivo máis para atraer turismo, pero tamén para facer un gran labor divulgativo, ofrecendo aos visitantes un excelente lugar para a observación do ceo a pouco máis de dúas horas da capital de España, como así vai ocorrer a partir do 21 de decembro”.

Tamén tomaba a palabra nesta inauguración o experto en astronomía Óscar Blanco, quen apuntaba que esta inauguración constitúe o segundo punto de inflexión en materia de astroturismo para A Veiga, tras a consecución do Starlight. “Isto é froito do esforzo de moita xente que levamos vindo aquí dende hai anos e do Concello, que sempre prestou moito interese e atención para volcarse nisto, así como polo apoio da Xunta e Deputación. Estamos posicionando este lugar non só para ver as estrelas, senón como un punto de divulgación astronómica”.

O acto tamén contaba coa asistencia do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e coa de alcaldes de diversos concellos da provincia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button