A RúaConcellosÚltima hora

O Centro Cultural Avenida da Rúa acolle, ata o 18 de xullo, a mostra ‘Castelao grafista (facsímile)’

A exposición, inaugurada hoxe, está enmarcada en 'Corrente cultural', un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación

 

Aínda que coa chegada do verán remata a tempada de proxección de cine, o Centro Cultural Avenida da Rúa mantén parte da súa actividade e, dende hoxe a ata o 18 de xullo (en principio de martes a venres de 10:30 a 13:30h. e no mes de xullo tamén de 20 a 22 horas) poderá visitarse a exposición ‘Castelao grafista (facsímile)’, incluída en ‘Corrente cultural’, un programa enfocado á promoción de actividades culturais máis alá das sedes de Afundación, que permite achegar actividades como esta ás vilas.

A mostra, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de ABANCA e Afundación, componse dunha escolma de obras nas que “se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político do artista rianxeiro, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración”, explican dende Afundación, incidindo no feito de que o interese de Castelao pola palabra e pola imaxe “consolidouse nas colaboracións que, a partir de 1924, empezou a publicar en medios como Galicia, Faro de Vigo ou Vida Gallega, nas que a ilustración e o texto reflicten a ácida crítica dun Castelao cada vez máis comprometido”. Unha forma de arte e denuncia que acabaría articulando obras tan relevantes como Cousas da vida (1930) e os álbums de guerra Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938). No ano 1945, tras case unha década vivindo no exilio, Castelao rematou o que sería considerado como o seu testamento pictórico, A derradeira leición do mestre, unha tea na que se retoma unha ilustración de guerra elaborada en 1937 e na que Castelao funde ilustración e pintura en homenaxe ás mestras e mestres asasinados tras o golpe de Estado de 1936.

 

Exterior do Centro Cultural Avenida, na céntrica rúa Progreso.

 

Así, a mostra reúne facsímiles da Colección de Arte Afundación e debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, dos que pertencen á Colección de Arte ABANCA. Ademais, poderanse ver retratos fotográficos, caricaturas, debuxos e portadas de revistas.

A inauguración tiña lugar na mañá deste martes 21 de xuño nun acto que contou coa asistencia do alcalde da Rúa, Álvaro Fernández; do concelleiro de Cultura da Rúa, José Vicente Solarat; do coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso; da coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano; e do director de la oficina de ABANCA na Rúa, Alberto Domaica.

Cultura por alimentos

 

Espazo onde depositar os alimentos.

 

Esta exposición enmárcase na iniciativa ‘Cultura por alimentos’ que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. Así, a entidade convida aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button