CulturaCultura

O Centro Cultural Marcos Valcárcel convértese nun museo “Pop Art”

Nomes como Andy Warhol, Frida Kahlo, Robert Indiana ou Roy Lienchestein están presentes no catálogo desta mostra “Pop Ar Icons”
Presentación da Exposición, esta mañá, no Centro Cultural Marcos Valcárcel

Os amantes do Pop Art teñen unha cita no Centro Cultural Marcos Valcárdel dende hoxe e ata o 19 de febreiro coa mostra “Pop Art Icons”, que xa vai pola súa segunda edición na cidade. A exposición tamén contará con visitas guiadas ás 18:30 horas.

A mostra encóntrase distribuída por todas as dependencias do Centro Cultural da Deputación. Tendo en conta isto, a exposición divídese, por unha banda, nos “Icons”, que están na Sala 1. Neste espazo pódense ver tanto as iconas deste movemento artístico así como os famosos que foron inmortalizados polos propios artistas. En concreto, un recuncho desta sala está dedicado a Marilyn Monroe. Por outra banda, a sala interior recrea a “Silver Room” que Andy Warhol fixo en 1966 na galería Leo Castelli de Nova York xunto con Billy Kluver. Esta parte serve como homenaxe a ambos os dous artistas.

Pola súa banda, a Sala 2 está dedicada a Hollywood, aos cartos e aos debuxos animados. Dentro desta mesma sala non podía faltar un recuncho dedicado á artista do momento, Frida Kahlo.

Esta mostra vén a cidade de mans da Fundación Cum Laude e MBA. A directora da Fundación, Ángeles Rodríguez explicou na presentación da exposición hoxe que, nesta segunda edición, “non repetimos as obras da edición anterior e cambiamos totalmente o espírito da exposición”. A presidenta sinalou que se trata dunha exposición “principalmente didáctica” baseada nos retratos. A partir do retrato de Mao de Andy Warhol, “disparouse o valor de retratista deste artista e toda a intelectualidade e aristocracia do mundo quería ter un retrato de Warhol”.

“Pop Ar Icons” é unha mostra na que están representados boa parte dos referentes deste movemento artístico que marcou a segunda metade do século XX, facendo popular a arte e achegándoa a gran parte da sociedade. Nomes como Andy Warhol, Keith Haring, Robert Rauschemberg, Mel Ramos, Roy Liechenstein, Steve Kaufman, Robert Indiana e Pietro Psair están dentro do catálogo desta mostra.

As obras están acompañadas de reflexións e frases dos personaxes retratados, de recortables de Marilyn Monroe que se lle entregarán aos visitantes e, ademais da mostra, realizaranse actividades paralelas como obradoiros para nenos e adultos para introducilos na arte ou conferencias.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recordou que o ano pasado este evento conseguiu ser “un dos máis exitosos do Centro Cultural Marcos Valcárcel, con preto de 15.000 visitantes” e engadiu que este centro cultural “vai ser de novo unha especie de mini MOMA, pero en Ourense”.

Pola súa banda, o directivo de MBA Graphics Arts, Iñaki López, dixo que o éxito que tivo esta mostra en edicións pasadas en Ourense “non tivo parangón” e agradeceu volver a expoñer de novo na cidade.

Artigos relacionados

Back to top button