EconomíaEconomíaÚltima hora

O Centro de BTT Serra do Xurés conta con 90 km de novas rutas por Lobios

As tres novas rutas suman un total de 90 quilómetros.

O Centro de Bicicletas de Toro Terreo (BTT) Serra do Xurés ten tres novas rutas que transcorren por esta localidade de Lobios e que se incorporan á rede do Hotel Balneario Lobios-Caldaria, como punto de información oficial. Foi a responsable de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen inaugurou hoxe, 2 de maio, estas tres novas rutas.

Este centro da Rede BTT Galicia, que recibe o nome do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, conta, dende hoxe, cun total de nove rutas que discorren polos concellos de Muíños e Lobios sumando un total de 238 quilómetros sinalizados.

As tres novas rutas inauguradas suman un total de 90 km sinalizados no municipio de Lobios, cifran dende a Xunta. E que, grazas ao seu deseño, permiten facer a conexión co resto das xa existentes, de xeito que os usuarios deste centro BTT poden deseñar itinerarios á carta en función da súa condición física, técnica e do tempo dispoñible.

Durante o acto de inauguración, a responsable de Turismo da Xunta, Nava Castro, dixo que o deporte asociado ao turismo “enriquece a experiencia dos que nos visitan e axuda a coñecer de preto algunhas das paisaxes máis espectaculares do destino”. Asemade, asegurou que “a práctica do ciclismo de montaña incentiva o contacto coa natureza, primeira motivación pola que os turistas e viaxeiros elixen Galicia como destino”, engadiu.

Neste senso, Castro destacou que o feito de contar en Galicia “cun circuíto deseñado especificamente para a utilización da bicicleta de montaña é froito da aposta do Goberno galego por desenvolver o turismo sostible e por incentivar a práctica deportiva como un novo xeito de coñecer o destino”.

Así mesmo, resaltou que coas novas tres rutas inauguradas hoxe o Centro da Serra do Xurés convértese na segunda instalación BTT de Galicia con máis quilómetros sinalizados, só por detrás dos 245 km do Centro BTT Portas de Galicia. “Un importante reclamo que complementa a magnífica oferta turística de Ourense a través do deporte en conexión coa natureza”, concluíu.

Os tramos transcorren polo municipio de Lobios.

Artigos relacionados

Back to top button