ConcellosÚltima hora

O Centro de Día O Salgueiral do Barco incorpora un servizo de transporte

Exterior do Centro de Día O Salgueiral no Barco./ Foto: A.R.

 

Mellorar e facilitar o acceso á atención. Con este obxectivo o Centro de Día O Salgueiral do Barco (situado na na rúa O Salgueiral número 7 da vila) vén de poñer en marcha neste mes de novembro un servizo de transporte para os seus usuarios. “A nosa idea é ir ampliando e adaptando os servizos a medida que vemos un pouquiño a necesidade da poboación. Neste caso dous dos nosos usuarios solicitáronnos o transporte ata o centro, nós puxemos en marcha ese servizo que os trae e os leva despois a casa, e a verdade é que están moi contentos”, explica Patricia López, directora-xerente do Centro de Día O Salgueiral.

Polo de agora este transporte funciona no que é o núcleo urbano do Barco pero no futuro, en función da demanda, tamén se contempla a posibilidade de poder amplialo a outras localidades do concello e mesmo a municipios próximos como puidera ser o caso de Rubiá ou Vilamartín. “Sería todo cuestión de falalo e concretalo coas familias”, comenta Patricia López, que tamén anima á xente da zona a que se achegue ata o centro para coñecelo e ver o abano de servizos que se ofrece “sen compromiso ningún, simplemente para que vexan cal é labor que facemos aquí”.

 

Patricia López, directora-xerente do Centro de Día O Salgueiral./ Foto: A.R.

 

Este centro de día comezaba a funcionar hai case un ano e dispón dun total de 31 prazas. Ofrece servizos básicos (valoración integral da persoa, servizo de manutención e dietas específicas, asistencia nas actividades básicas da vida diaria) e terapéuticos (terapias de estimulación cognitiva, xerontoximnasia e actividades de psicomotricidade, manualidades e atención social, terapias de animación sociocultural e musicoterapia, asesoramento e orientación familiar), así como outros complementarios.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button