SanidadeÚltima hora

O centro de saúde da Valenzá estará comunicado por un autobús gratuito de xeito experimental

O concelleiro de Mobilidade, Xosé Manuel Fírvida, e un directivo de Anpian fixeron a proba do percorrido.

O concello de Barbadás porá en marcha un novo servizo de transporte ata o centro de saúde de A Valenzá tres veces ao día, segundo anunciou o titular da Concellería de Mobilidade, Xosé Manuel Fírvida. A liña comezará a funcionar de xeito experimental a partires do mércores, 4 de maio, con saída da parada de bus fronte a Aquagest ou fronte ao centro de saúde vello, na Avenida de Celanova, en horarios de 8:35, 11:15 e 15:15 horas.

O servizo terá carácter experimental e funcionará de xeito gratuito para os usuarios que o utilicen entre esas dúas paradas e o centro de saúde. A idea do Concello e “testar a experiencia e ver o funcionamento e a utilidade que pode prestar aos veciños que o precisen ou desexen para salvar a forte pendente existente entre a Avenida de Celanova e o centro asistencial”, segundo Fírvida, quen subliñou “a boa disposición da empresa para atopar unha solución axeitada”.

O teniente de alcalde nacionalista e concelleiro de Mobilidade dixo que “dende o Concello xa adoptamos algunhas medidas para que faciliten o paso dos autobuses, pintando raias amarelas no principio e final do novo tramo”. Se a experiencia resultara positiva e o nivel de uso aceptable, anuncia, “trataríamos de acadar un acordo ca empresa para que o servizo teña un custe asumible para os usuarios, tendo en conta que a maioría é xente maior con dificultades de movilidade”.

Artigos relacionados

Back to top button