SanidadeÚltima hora

O Centro de Saúde de Rubiá contará cun segundo médico de apoio tres días á semana

Anunciábao o xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco, Julio García, en rolda de prensa no HCV

 

O xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco, na rolda de prensa que ofrecía no HCV xunto ao xerente executivo deste centro, Francisco Contreras./ Foto: A.R.

En breve o médico de familia do Centro de Saúde de Rubiá disporá dous ou tres días á semana do apoio doutro facultativo. Así o anunciaba o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Ourense, Verín e O Barco, Julio García Comesaña, nunha rolda de prensa celebrada no mediodía do 16 de novembro na que comparecía acompañado polo xerente executivo do Hospital Comarcal Valdeorras (HCV), Francisco Contreras.

García Comesaña comezaba a súa intervención sinalando que “nestes últimos días estamos vendo no concello de Rubiá unha campaña de tinte exclusivamente político, na que se trata de confundir á poboación, á que se lle está transmitindo unha alarma que consideramos a todas luces totalmente inxustificada”. Tamén poñía en valor “a capacidade dos profesionais que están no Centro de Saúde de Rubiá. Dicir que eses 1.017 pacientes de Rubiá non van estar ben atendidos polo profesional sanitario que temos alí e polo enfermeiro que traballa con el, pois é a todas luces unha falta de respecto cara estes profesionais. En toda a EOXI os médicos atenden ese número de pacientes e números bastantes maiores coa máxima calidade e con total seguridade e, en ningún momento, poñendo en perigo nada. Aquí estase dicindo que os pacientes de Rubiá van estar mal atendidos nesas situacións e queremos, en primeiro lugar, negalo”.

Ante “esta percepción de alarma entre os veciños de Rubiá”, proseguía, “imos a tomar unha medida, que podemos tomar hoxe e que non podiamos tomar ata agora porque non dispoñíamos de médicos, que é darlle ao centro de saúde o apoio doutro médico dous ou tres días a semana, dependendo das semanas. E manterase o tempo que sexa necesario”.

Ademais o xerente da EOXI ourensá anunciaba que nas vindeiras semanas se desenvolverá no distrito do Barco a posta en marcha do programa de crónicos da EOXI de Ourense, no que “levamos tempo traballando. E este vai ser un elemento que tamén vai axudar a toda a poboación do Barco e en particular á poboación de Rubiá”. Finalmente comentaba que tamén nas próxima semanas e, “dentro deste plan”, contarase coa colaboración dunha enfermeira especialista en medicina familiar e comunitaria no ámbito do manexo dos pacientes crónicos e, “de novo, imos comezar esta actividade polo Concello de Rubiá tamén, igual que en toda a área do Barco”.

Este anuncio faise un día antes de que se celebre en Rubiá unha manfestación convocada para pedir que se manteñan dúas prazas de médico no seu centro de saúde. Este acto reivindicativo está previsto para ás 17h. do sábado 17 de novembro con saída dende a praza do Concello desta localidade.

Artigos relacionados

Back to top button