OurenseÚltima hora

O Centro Galego de Innovación da FP en Ourense podería estar operativo o vindeiro curso

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez e o presidente da Deputación, Manuel Baltar visitan as obras que están ao 65%

 

“Estase traballando para que o Centro Galego de Innovación da FP en Ourense, que supón un investimento total de 9,9 millóns de euros froito da colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, poida entrar en funcionamento o vindeiro curso 2021-2022. Nestes momentos, as obras xa están completas ao 65%”. Así o explicaba o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez durante a visita que realizaba esta mañá ás obras, xunto ao presidente da Deputación Manuel Baltar.

Xunta e Deputación veñen de pechar os detalles do plan funcional deste novo centro, chamado a ser “o principal espazo de referencia da nova Estratexia Galega de FP 2021-2025”, dixo Román Rodríguez, sinalando que este plan vai servir para “axustar os diferentes espazos do centro ás necesidades dos seis principais ámbitos de desenvolvemento do centro (realidade virtual, simulación de procesos, impresión 3D, industria 4.0, industria enerxética e biotecnoloxía) e aos piares sobre os que se está a elaborar a nova folla de ruta da FP galega, que se presentará esta primavera”.

Distribución dos case 2.500 m²

Tal como adiantan dende o departamento educativo da Xunta, o Centro Galego de Innovación da FP de Ourense distribuirase en planta baixa e primeira planta, cun total de catro talleres, dous laboratorios e catro aulas-taller, totalmente equipadas coas últimas tecnoloxías industriais e de comunicacións, e zona de administración e servizos, cunha superficie total construída de 2.415 m².

Na planta baixa situarase un laboratorio biotecnolóxico destinado á análise microbiolóxica tradicional e mediante PCR e, en xeral, a proxectos destas características; unha área de fabricación aditiva para o deseño e impresión 3D, desenvolvemento de prototipos e escaneado dixital, entre outras tarefas, e un espazo dedicado a proxectos medioambientais (fontes enerxéticas verdes como os biocombustibles, instalación enerxética, térmica e climaticamente eficiente). Así mesmo, acollerá un cuarto espazo centrado na industria 4.0 (robótica colaborativa, monitorización, xemelgos dixitais, internet das cousas), ciberseguridade en contornos industriais e mantemento intelixente desde postos remotos. A zona de administracións e servizos estará tamén situada na planta baixa.

Na planta primeira haberá catro aulas-taller, dúas delas dedicadas a á aula inmersiva e á sala de control. Estes espazos estarán destinados á posta en práctica de simuladores (de soldadura, vernizado, de ponte de pesca…) e contornas de realidade virtual e aumentada, que requiren espazo illado acusticamente para as actividades de simulación e, no caso da sala de control, á supervisión, análise e seguimento da actividade de simulación. O laboratorio-cociña de simulación alimentaria, tamén nesta planta, estará centrado na I+D+i no ámbito da tecnoloxía alimentaria (innovación culinaria, investigación de produtos agropecuarios e pesqueiros galegos, desenvolvemento de novos produtos ecogastronómicos, industrias alimentarias, acuicultura, adegas, análise sensorial, etc.. ) e contará cunha sala complementaria destinada a usos polivalentes, un espazo diáfano para as actividades demostrativas relacionadas coa industria alimentaria do laboratorio-cociña. Esta planta primeira estará tamén ocupada por unha área de reunión e actos.

Ámbitos de desenvolvemento

Aínda que no Centro Galego de Innovación da FP poderían ter cabida proxectos de innovación de distintos ámbitos, inicialmente contará con equipamento singular dos que aglutinan boa parte da innovación nos centros educativos de Formación Profesional, e da demanda de I+D+i no tecido empresarial galego. Así, será desde o inicio un centro especializado na realidade virtual e aumentada aplicada aos ámbitos produtivos (tanto no ámbito da formación de empregados, como no desenvolvemento de procesos produtivos), na simulación de procesos, para o que contará coa aula inmersiva para mellorar a seguridade e a redución de riscos nos procesos, ou na impresión 3D, a través da área de fabricación aditiva.

Así mesmo, o espazo destinado á industria 4.0 dará cabida a todas as tecnoloxías necesarias para a transformación dixital dos sistemas produtivos das empresas galegas, e o taller de proxectos medioambientais centrarase na aportación á industria enerxética, un dos sectores estratéxicos sobre os que pivota a transición empresarial da política medioambiental europea nos próximos anos.

Por outra banda, o laboratorio biotecnolóxico será o espazo dedicado a desenvolver melloras neste ámbito e o da biociencia, como unha das industrias novas con máis proxección no futuro nos sectores sanitario, alimentario, químico ou medio ambiental.

 

Artigos relacionados

Back to top button