ConcellosÚltima hora

O Centro Galicia en Ponferrada presenta o programa de actividades co gallo do Xacobeo 21-22

No acto, o secretario xeral da Emigración destacou que os centros galegos de todo o mundo serán os grandes promotores do Xacobeo en tódolos países neste Ano Santo ampliado

Representantes da Xunta e do Centro Galicia en Ponferrada.

 

Na mañá deste xoves 17 de xuño, o Centro Galicia en Ponferrada presentaba as iniciativas organizadas co gallo do Xacobeo21-22 nun acto ao que asistía o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado de Manuel Garrido Rivero, técnico do Xacobeo.

Ambos responsables autonómicos eran recibidos pola Banda de Gaitas do Centro Galicia en Ponferrada e, tras asinar no libro de honra, coñeceron as melloras executadas nas instalacións do local social. Posteriormente trasladáronse á Fábrica da Luz e Museo da Enerxía onde participaron no acto de presentación das actividades xunto ao presidente do centro, Flaminio González, co alcalde da localidade, Olegario Ramón, a directora do Museo, Yasodhara López García, o delegado da Diocese de Astorga para o Camiño, Antolín de Cela, a presidenta do Instituto de Estudos Bercianos e o director do teatro municipal Bergidum de Ponferrada, Miguel Ángel Varela Gorgojo.

Durante o acto presentouse un spot publicitario do Camiño de Santiago así como un selo para os peregrinos da Fábrica da Luz-Museo da Enerxía.

 

Presentación das actividades.

 

O Centro Galicia en Ponferrada porá en marcha dende xullo ata decembro toda unha batería de actividades centradas na promoción do Camiño de Santiago consistentes en diversos obradoiros para os máis pequenos e tamén para adultos, espectáculos infantís e musicais, charlas sobre temas relativos ao Xacobeo, así como unha exposición sobre filatelia no Camiño da Cultura que se poderá contemplar dende o 21 de agosto na Fábrica da Luz.

Durante o acto de presentación destas actividades, o secretario xeral agradeceu a labor que está a desenvolver o Centro Galicia en Ponferrada na difusión do Xacobeo e tamén o traballo desenvolvido durante os últimos meses para manter o contacto dos galegos nesta comarca primeiro durante o confinamento e posteriormente durante as diferentes épocas de restricións. “Somos conscientes de que foi un esforzo inmenso traballar, moitas veces de xeito telemático, para manter os vínculos entre os galegos do Bierzo e que todos, dentro da comunidade, se sentisen arroupados. Agora agradecemos o esforzo que se está a realizar para que a volta a nova normalidade permita a posta en marcha de actividades presenciais e que mellor que facelas dedicándoas a promoción do noso Camiño e do noso Xacobeo”. De feito, Antonio Rodríguez Miranda rematou destacando que “os centros galegos de todo o mundo serán os grandes promotores do Xacobeo en tódolos países neste Ano Santo ampliado”.

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinando no libro de visitas.

Artigos relacionados

Back to top button