En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Centro Sociocomunitario de Viana celebra os seus 30 anos de vida

O programa de actos incluía unha ruta histórica pola vila, actuacións musicais e un xantar, entre outros actos

 

Cun percorrido teatralizado polo casco antigo de Viana do Bolo comezaban na mañá do 19 de outubro os actos da celebración do 30º aniversario do Centro Sociocomunitario de Viana do Bolo. Este traxecto, deseñado polo investigador Carlos X. Ares e guiado polo animador sociocultural Óscar López, contaba coa participación de numerosos figurantes vestidos de época e das Pandereteiras Abaneo. O seu título era “Descubrindo Viana: camiñando na historia” e mantíñase a pesar da chuvia.

Despois, xa no interior da igrexa parroquial, o Orfeón Vianés, que dirixe Víctor Fernández Nogueiras, ofrecía ás 12:30h. un pequeno concerto. Nel interpretaban catro pezas: “A Virxe de Portovello” (de Manuel de Diós, popular), “No tardes Tom” (Stephen G. Foster, espiritual negro), “Viento del Norte” (H. Agüero, adaptación coral de Víctor Fernández Nogueiras) e “Negra sombra” (de Juan Montes con letra de Rosalía de Castro).

Ao finalizar este último tema a presidenta do Orfeón Vianés, Pilar Pérez, lembraba que esta agrupación coral nacía dentro do Centro Sociocomunitario no 2002 e que facía a súa primeira actuación en setembro dese mesmo ano, e amosaba o seu agradecemento a este centro vianés. Seguidamente, o Orfeón Vianés cantaba o “Cumpreanos feliz”, entre os aplausos do público.

O acto contaba coa asistencia do director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado; da xefa territorial da Consellería de Política Social en Ourense; así como de concelleiros da Corporación de Viana do Bolo, entre eles o tenente de alcalde, José Antonio Alfonso.

 

 

 

O director xeral  de Inclusión Social amosaba a súa satisfacción por “ter compartido en Viana este día tan importante para vos e para o Centro Sociocomunitario” e por “ter desfrutado deste longo percorrido que nos permitiu coñecer lugares marabilloso desta vila, que ten historia e tradición”. E transmitía ás súas felicitacións á directora do Centro Social, Raquel Jares, e “ás persoas que traballades todos os días para que a xente poida desfrutar do centro”.

Parrado lembraba “aos directivos que ao longo destes 30 anos fixeron grande este centro e tamén ás persoas que durante ese tempo traballaron e traballan nel. É un luxo ter este punto de encontro, ese lugar onde poder compartir e falar tanto para os xoves como para os maiores. Por el pasan unhas 400 persoas ao longo do ano e fano grande”. Resaltaba a súa “gran programación” e a variedade das súas actividades e adiantaba que “dende a Xunta de Galicia seguiremos apostando polos centros sociocomunitarios”.

 

A directora do Centro Sociocomunitario de Viana, Raquel Jares.

 

Pola súa banda, a directora do centro, Raquel Jares, agradecía a colaboración de todas as persoas e entidades que colaboraron para facer posible a celebración deste 30 aniversario, así como de cada un dos usuarios que “facedes que cada día no Centro Sociocomunitario sexa máis feliz para  min. Esta festa é para vos”. Deseguido, facíaselle entrega aos representantes da Xunta dun agasallo.

Os actos deste 30 aniversario continuaban cun xantar en A Nosa Casa e, xa pola tarde, está prevista a presentación do documental “Viaxe ao interior do Entroido” no mesmo Centro Sociocomunitario.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close