ConcellosEn portadaO BarcoÚltima horaVídeos

O CHMS e o Concello do Barco asinan o convenio para crear unha senda peonil que sairá do Salgueiral

Esta actuación, que inclúe tamén melloras no entorno desta área recreativa, suporá un investimento de 575.000 euros

 

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, e o alcalde do Barco, Alfredo García, asinaban esta mañá un convenio para realizar unha senda peonil que una O Campiño de Viloira co Salgueiral e para a mellora do entorno desta área recreativa. O convenio recolle un importe de 575.000 euros para levar adiante estas actuacións, dos que a CHMS aportará o 80% e o Concello do Barco o 20% restante.

Este proxecto inclúe, fundamentalmente, “o arranxo da pasarela do Salgueiral, que é pintura e o solo. E logo nea parte da pasarela no Salgueiral leva unha zona de céspede e a intención é substituír os chopos por árbores de ribeira. Ademais vai unha senda peonil que sae da pasarela, agora xa existe unha pero ten 3 m de zahorra e o resto é herba. Unha vez se chegue ao arroio Valado subimos ata a rúa Villabril e logo pode baixar outra vez polos Xardíns da Casa Grande e continuamos pola escolleira que hai dende a pasarela do casco vello ata O Campiño de Viloira”, indica o alcalde do Barco, Alfredo García, que considera que se trata “dunha obra moi importante para empezar a poñer en valor a outra beira do río e estámoslle moi agradecidos á confederación polo seu apoio”.

 

 

No convenio asinado tamén se indica que o Concello faise cargo da adquisición dos terreos, “nós xa temos o plano coas fincas e o arquitecto xa fixo a valoración. Eu vou ter unha reunión con todos os propietarios para intentar chegar a acordos rápidos para poder poñer os terreos a disposición. E nese senso no próximo pleno irá unha modificación de orzamento na que habilitaremos 75.000 euros que é a valoración do custo dos terreos que imos ocupar, non afecta a ningunha vivenda, son construcións vellas, hai outras zonas que son solares, solo rústico”, sinala Alfredo García.

 

 

Pola súa banda, o presidente da CHMS, apuntaba que este proxecto do Concello aposta por “harmonizar as ribeiras do río Sil e de buscar novos espazos para a cidadanía. É un pracer estar colaborando co alcalde do Barco que sempre amosa un gran interese por traer melloras para o seu municipio. Xa empezamos a colaboración tamén no regato de Forcadela, este é o segundo proxecto que poñemos a andar, que é unha actuación blanda, agás esa parte do sendeiro na que vai haber, en canto á propiedade, unhas actuacións por parte do Concello coa finalidade de darlle comunicación ao outro lado do río”.

 

 

Con respecto aos prazos nos que se prevé levar adiante esta actuación, o presidente da CHMS aseguraba que “estamos xa moi adiantados e agora está o tema dos terreos e tan pronto se solvente ese tema, estaríamos en condicións de pasar xa a licitación. É dicir, se os terreos estivesen en dous meses, en tres estaríamos en disposición de licitar a obra, polo tanto, estamos xa case nun prazo corto”.

 

 

Quiroga adiantaba que, “logo de que asentemos esta actuación virá unha terceira en materia de depuración que para nós ten especial interese, dado que dalgunha maneira vai incidir e mellorar moito a calidade da masa de auga que é algo moi importante”.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button