En portadaÚltima hora

O CHUO acolle un punto fixo de recollida de mostras para o test do Covid-19 sen baixar do coche

O servizo comezaba a funcionar na tarde do 18 de marzo e estará aberto todos os días de mañá e de tarde

Equipo que levará a cabo o servizo.

 

Tal como informan dende o departamento de comunicación do Sergas en Ourense, na tarde do 18 de marzo comezaba a funcionar no Hospital Universitario de Ourense (CHUO) “un punto fixo de recollida de mostras para o test de COVID-19, que permite minimizar os riscos de contaxio e optimización dos limitados equipos de protección individual (EPIs), garantindo a seguridade persoal que realiza esta labor e a dos pacientes, que non teñen nin que baixar do coche para realizar a proba”.

O novo dispositivo facilita a recollida de mostras daqueles pacientes con poucos síntomas e autonomía que, “tras ser entrevistados ou explorados, son sospeitosos de contaxio polo novo coronavirus, dacordo cos protocolos establecidos, aos que se lles envía, vía SMS, a hora da cita e o punto exacto ao que deben acudir, axuntándolles tamén as coordenadas do punto”, explican dende Ourense.

 

As probas fanse sen baixar do coche.

 

Segundo as indicacións do Sergas, para acceder ao punto de recollida “habilitouse un circuíto de entrada e saída perfectamente sinalizado, na traseira do Edificio Santa María Nai, nunha zona afastada das áreas asistenciais ou de afluencia doutros pacientes, ben comunicada tamén co Laboratorio de Microbioloxía, onde se procesa a mostra, quedando toda a información reflectida na súa historia clínica electrónica”.

 

 

Este punto fixo reforza o traballo dos cinco equipos de recollida de mostras a domicilio da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, formados cada un por un profesional de enfermería e un técnico en coidados auxiliares de enfermería, unidades que “seguirán traballando para achegarse aos pacientes con residencia en puntos afastados da cidade, sen vehículo propio ou dificultades de mobilidade”.

O novo sistema posto en marcha onte en Ourense, xa se implantou en Vigo e Lugo, e estenderase nos vindeiros días ao resto de Áreas Sanitarias de Galicia. O punto estará en funcionamento en horario de mañá e tarde, todos os días da semana, incluídas fins de semana e festivos, “para dar resposta ao incremento da demanda de recollida de mostras, desde o inicio da pandemia, sempre que sexa preciso”, aseguran dende o Sergas en Ourense

 

Artigos relacionados

Back to top button