SanidadeÚltima hora

O CHUO atende ao ano a case 500 pacientes infectados por VIH

A XVIII Xornada de Actualización sobde Enfermidades Infecciosas tentou formar a profesionais do Complexo ourensán en materia de ETS e outras enfermidades infecciosas
Ricardo Fernández (esquerda), xefe de servizo de Infecciosas do CHUO, é o organizador destas xornadas. // Foto: Carlos Asensio.

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) acolleu hoxe, 14 de xuño, unha xornada docente organizada pola Unidade de Enfermidades Infecciosas, dentro do Servizo de Medicina Interna do Complexo Ourensán. Esta decimo oitava edición desta Xornada de Actualización centrarase, sobre todo, nas enfermidades de transmisión sexual (ETS) en pacientes de VIH e infeccións emerxentes, así como medidas de diagnóstico e tratamento das que afectan as válvulas cardíacas, endocardite, sobre as que se deu a coñecer o novo protocolo desenvolvido en Ourense para o seu manexo multidisciplinar.

Na actualidade a Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUO, referente para toda a provincia, atende ao redor de 450 pacientes coa infección por VIH, dos que a gran maioría recibe tratamento antiretroviral. Este tratamento, dispoñible desde 1996, supuxo unha gran melloría na esperanza e calidade de vida dos afectados que, cos axeitados coidados e controis, poden facer unha vida practicamente normal, como con calquera outra enfermidade crónica, informaron dende o Complexo.

O organizador desta xornada formativa, o xefe de Servizo de Enfermidades Infecciosas, Ricardo Fernández, asegurou que nesta edición decidiron centrarse nas ETS xa que “houbo un aumento na incidencia pola diminución de medidas de prevención, como é o uso do preservativo”. O doutor asegurou que esta incidencia estase vendo “tanto en xente nova como en xente adulta, que pensa que a infección por VIH xa non ten moita importancia porque pensan que cunha pastilla cura, e iso é un erro moi importante”. En canto á incidencia na provincia, Ricardo Fernández non deu unha cifra exacta, pero o que si asegurou é que “nas provincias de Ourense e Lugo hai menos ca nas de Pontevedra e A Coruña” . Asemade, salientou que é unha media menor ca nacional.

Asistentes a estas xornadas formativas // Foto: Carlos Asensio.

No eido dos casos como sífilis ou gonorrea, “vemos que hai un aumento, aínda que seguen sendo pouco frecuentes en Galicia”. O doutor asegurou que este aumento débese, sobre todo, porque “a información chega pero non se interioriza”. En canto á incidencia por sexo, o doutor sinalou que isto acontece máis en homes que realizan prácticas homosexuais  pero tamén se da nas prácticas heterosexuais, e relacionase co fenomeno do “chemsex”, ou práctica de relacións sexuais prolongadas co uso múltiple de drogas como éxtase, ketamina, alcol e, ou, cocaína.

O segundo relatorio da xornada, titulado “Endocardite. Equipo Multidisciplinar no CHUO” correu a cargo de María Bustillo, da Unidade de Enfermidades Infecciosas e o cardiólogo Francisco Alonso. No seu relatorio deuse a coñecer o novo protocolo clínico de atención a endocardite. Esta clase de infección non é frecuente, pero a súa importancia derívase da súa gravidade e unha alta mortandade, polo que é fundamental seu diagnóstico precoz para mellorar a supervivencia.

A terceira sesión “Infección por Streptococcus Bovis en Galicia” foi impartida por Juan Corredoira Sánchez, da Unidade de Enfermidades Infecciosas do Hospital Lucus Augusti, que está a dirixir un estudo de investigación sobre estas infeccións en España, e que se extenderá especialmente sobre a situación deste tipo de infeccións en Galicia, sobre o que xa  publicou dous estudos en revistas médicas internacionais de gran prestixio.

Por último a conferencia de clausura correu a cargo do Dr. Javier Ariza Cardeal, profesor da Universidade de Barcelona e xefe clínico do Servizo de E. Infecciosas do Hospital de Belltvitge, que falou sobre as infeccións das próteses articulares. Segundo fontes do CHUO, pese ao seu baixo índice de complicacións por infección, menos do 3%, esto obriga a que a prótese teña que cambiarse, o que nalgúns casos non é posible pola avanzada idade ou fraxilidade do paciente, polo que nos últimos anos explóranse outras solucións terapéuticas que permitan combatir a infección sen cambiar o implante.

A xornada foi clausurada polo director de Procesos Asistenciais, Luis González Rodríguez.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button