SanidadeÚltima hora

O CHUO, nun proxecto europeo para afondar no seguemento dos superviventes de cancro

O estudo emprego da intelixencia artificial e aplicación da análise de gran volume de datos (Big Data).

Entrada ao Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Hospital Universitario de Ourense participa nun ambicioso proxecto internacional para mellorar a calidade de vida e afondar no seguemento dos e das pacientes recuperadas de cancro, mediante o emprego da intelixencia artificial e aplicación da análise de gran volume de datos (Big Data).

“Persist”, como se denomina o proxecto, ten unha importante presencia galega, xa que ademais de ser o de Ourense o único hospital español participante, o centro tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, foi designado como coordinador deste consorcio internacional, que está apoiado pola Unión Europea (UE), a través do programa Horizonte 2020 (H2020), cun financiamento de 5 millóns de euros e conta coa participación doutras doce entidades internacionais.

Estes días comezan as probas clínicas co seguemento de 160 pacientes voluntarios, 40 deles do Servizo de Oncoloxía do Hospital Universitario de Ourense, recuperados dun cancro de mama ou colorectal, dous dos mais frecuentes. O resto de pacientes participantes foron seleccionados no Centro Clínico Universitario de Maribor (Eslovenia), o Centro Hospitalario Universitario de Lieja (Bélxica) e o Instituto de Medicina Preventiva e Clínica da Universidade de Latvia (Letonia).

Cada un deles levará, ao longo de 20 meses un teléfono e un reloxo intelixentes, que permiten a súa monitoraxe continua, remota e individualizada, rexistrando en tempo real todos os datos biomédicos necesarios para o estudo, como a tensión arterial, a frecuencia cardíaca, a calidade do sono, ademais de indicadores relativos á súa calidade de vida (alimentación, deporte, estado de ánimo, etc.).

Mediante a aplicación de algoritmos de intelixencia artificial a esta información e a súa analise Big Data (grandes volumes de información) Persist desenvolverá novos modelos de análise de datos sanitarios, o que suporía un importante avance para mellorar o seguemento dos pacientes oncolóxicos en remisión, adiantarse a posibles signos de recidiba e en xeral coñecer mellor esta etapa nas que os pacientes espacian as súas visitas ao hospital, unha vez recuperados.

Tecnoloxía para recuperar información

Para Luís Pérez Freire, director xeral de Gradiant, “Persist” é un proxecto moi ambicioso por dous motivos: trátase de introducir a tecnoloxía de última xeración na loita contra o cancro e facelo conxuntamente a nivel internacional. Buscamos un avance radical na calidade do seguimento dos enfermos de cancro”.

Para Jesús García Mata, xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Universitario de Ourense, este proxecto está estreitamente ligado ao desexo dos oncólogos por mellorar a información da que dispoñen unha vez que os pacientes, xa curados, se reintegran a súa actividade social, laboral e familiar “Moitas veces estes pacientes teñen secuelas, síntomas do día a día, medos ou problemas psicolóxicos, que co sistema actual de seguemento puntual ou periódico non é posible valorar”.

Persist, subliña García Mata, podería abrir unha vía para coñecer, e actuar, ante determinados condicionantes de saúde que “son fundamentais para os pacientes oncolóxicos, non só para a súa saúde global, senón tamén no prognóstico do cancro, como o exercicio físico, se fuman ou non, si beben ou non, ou o tipo de alimentación que fan” o que permitiría actuar para melloralos ou corrixilos.

Esta nova vía de seguemento permitiría aos clínicos ter unha ferramenta para detectar un síntoma, que para o paciente pode pasar inadvertido, e se mencione días ou meses despois nunha revisión rutinaria, pero que de coñecelo sería unha sinal de alerta dunha posible recidiba ou outro problema como os psicolóxicos, e lles permitiría, di Mata, “tomar a dianteira á enfermidade, ir por diante”.

Un dos obxectivos da Unión Europea, coa posta en marcha do programa H2020, é crear unha ciencia de excelencia, que permita reforzar a posición de Europa no panorama científico mundial. Para iso, incrementou substancialmente a dotación do Consello Europeo de Investigación (ERC, nas súas siglas en inglés), cun orzamento de 76.880 millóns de euros.

Artigos relacionados

Back to top button