EconomíaEconomíaÚltima hora

O CHUO recibe produtos agroalimentarios galegos da rede Mercaproximidade

Medio Rural vén de entregarlle ao hospital unha partida de queixos, patacas, tarros de mel e varias pezas de carne de tenreira, cordeiro e porco celta

Exterior do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) vén de recibir unha partida de queixos, patacas, tarros de mel e varias pezas de carne de tenreira, cordeiro e porco celta. A compra destes produtos agroalimentarios por parte da Xunta e a súa repartición lévanse a cabo ao abeiro da rede Mercaproximidade, “a canle alternativa de comercialización que ten como fin último contribuír ás economías dos agricultores e gandeiros da comunidade durante o estado de alarma”, segundo informa Medio Rural.

Así, os produtos recibidos no CHUO e as súas orixes son os seguintes: Patacas Adegal 300 kg, tenreira Agrigga 100 kg; Porco Celta Asoporcel 75 kg; ​Cordeiro Ovica ​150 kg; Queixo Central Lechera Gallega 40 kg e Mel Mieles de Galicia ​20 kg, segundo informa a Consellería de Sanidade.

“Estes produtos, recepcionados polo Servizo de Cociña, serán utilizados nos menús dos pacientes e persoal de garda en días vindeiros”, adianta Sanidade.

A rede Mercaproximidade, a nova fórmula de venda concibida para paliar o peche da hostalaría e os mercados municipais, segue medrando. Dende a súa entrada en vigor o pasado 15 de abril, adheríronse máis de 370 produtores e industrias transformadoras co obxectivo de dar saída ás súas hortalizas, froitas, produtos cárnicos ou apícolas.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close