DeportesÚltima hora

O ciclista Saúl López (CC Maceda), líder elite da Copa Galicia de Ciclocross

O vencedor da carreira, celebrada na localidade ourensá de Maceda, era Iván Feijoo (1º sub 23) ex membro do club macedán

 

Os mellores especialistas autonómicos de ciclocross brillaron este domingo 5 de xaneiro no último test previo ao campionato de España, celebrado na localidade ourensá de Maceda. Os sub23 Iván Feijoo (Nesta) e Irene Trabazo (XSM) venceron nas carreiras raíñas da derradeira cita puntuable para a Copa Galicia. O outro gran triunfador foi o local Saúl López, que defendeu con éxito o maillot de líder elite na proba organizada polo seu club.

O ciclista monfortino do Maceda chegaba á duodécima xornada da Copa con 40 puntos de marxe respecto a Daniel López (Cambre), tras ter asaltado na véspera en Verín a primeira posición do ranking elite. Campión de Galicia no Porriño o pasado domingo, Saúl López selou o seu dobrete autonómico finalizando segundo no circuíto do Castelo, a medio minuto do seu ex compañeiro de equipo Iván Feijoo. O alaricano do Nesta impúxose cun rexistro de 50 minutos e 23 segundos.

 

Saúl López durante a carreira polo circuíto de Maceda.

 

“A carreira tomeina con calma ao principio, saíndo desde atrás e pouco a pouco remontando posicións. Cando puiden chegar á cabeza, puxen o meu ritmo para conseguir a vitoria final. Tiven moi boas sensacións nesta última fin de semana previa ao Campionato de España, espero poder reter a camisola de campión sub-23”, sinalou Iván Feijoo.

Carlos Canal, outro sub-23 formado no Maceda, cruzou a liña de meta na terceira posición lucindo as cores do conxunto profesional de estrada Burgos-BH. Daniel López rematou quinto e deste xeito certificou a súa segunda praza no ranking da Copa, mentres que o terceiro posto na xeral final elite correspondeulle a Luis Fernández Oliveira (Avanza).

E estes non foron os únicos podios do Maceda na proba. En féminas júnior vencía Noela Saa; en féminas sub 23 Andrea García era terceira e en júnior masculino Marco Nube era segundo. Sarela Conde, en cadetes, sufría unha avaría cando marchaba terceira.

Fotos cedidas

Artigos relacionados

Back to top button