CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O ciclo de concertos “Xacobeo Interior” recalará en Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei

O ciclo contará con algunhas das artistas máis destacadas do panorama galego como De Vacas, Gaudi Galego, Leilía, os D´Abaixo e Uxía & Javier Ruibal

Presentación do ciclo “Xacobeo Interior”.

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou hoxe o ciclo de concertos “Xacobeo Interior” no marco da programación musical dos concertos do Xacobeo, onde indicou que este festival é unha mostra da calidade musical pola que se apostou dende a Xunta neste Ano Santo, cun cartel que é o reflexo da visibilización e encumbración da música galega e en galego.

Durante a presentación deste ciclo, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a relevancia deste ciclo de música en galego, salientando a importancia do “achegamento da cultura e as celebracións á xente, fomentando a desestacionalización da demanda turística e cultural e asegurando un espectáculo que iluminará todos os rincóns da nosa comunidade”.

Este ciclo terá comezo o venres 1 de xullo cunha programación que levará a música en directo ata vilas de Lugo e Ourense. Contará con algunhas das artistas máis destacadas do panorama galego como De Vacas, Guadi Galego, Leilía, Os D’Abaixo e Uxía & Javier Ruibal. Mestura diferentes estilos que viaxan dende o pop ata á tradición, con paradas na lírica e incluso na parodia e o humor.

O Ciclo Xacobeo no Interior é unha aposta pola música en galego e de calidade, pensada para achegar a mellor música galega á veciñanza e camiñantes das comarcas da Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, apoiando promoción das nosas músicas e dos propios entornos rurais atravesados polo Camiño.

O ciclo arranca o 1 de xullo en Sarria coas actuacións de Guadi Galego e De Vacas, o 10 de xullo será a quenda de Os D´Abaixo e Guadi Galego na Rúa e, como remate, Uxía & Javier Ruibal e Leilía actuarán no Castelo de Monterrei o 4 de agosto. “Faime especial ilusión estar nestas localidades nas que non estiven nunca (…) sabemos que imos dalo todo”, destacaba Guadi Galego na rolda de prensa.

Este ciclo enmárcase na programación de Concertos do Xacobeo, un evento que espallará música e espectáculo por toda Galicia con 300 artistas de primeiro nivel que chegarán a diferentes recunchos da comunidade para celebrar o Ano Santo.

Artigos relacionados

Back to top button