CulturaCultura

O ciclo “Europa era unha vaca”, do Cineclube Padre Feijóo, viaxa ata Escocia con “Sunset Song”

Para o “Luns de Filmoteca” traen a película “Lola”  de Jaques Demy

O Cineclube Padre Feijóo continúa coas súas proxeccións dentro do ciclo “Europa era unha Vaca”, a través do cal pretenden facer unha “denuncia satírica” da “triste e vergoñenta constatación da falta dunha estratexia firme, compartida e a longo prazo dos valores europeos fundamentais”.

Como o Reino Unido é un claro expoñente desa desvinculación ao vello continente a través do Brexit, para este mércores, 18 de xaneiro, propoñen unha viaxe á Escocia da Primeira Guerra Mundial a través do filme “Sunset Song”, dirixido por Terence Davies. Unha cinta que data do ano 2015 e na que se fai un relato épico e intimista sobre a esperanza, a traxedia e o amor. Davies adaptou o argumento da novela de Lewis Grassic Gibbon, considerada ao cumio do Renacemento Escocés. O argumento desenvolvese nunha granxa de principios do século pasado, pero o característico do filme é que tamén representa a grandiosidade das paisaxes escocesas que teñen atrapada á protagonista.

“Unha crónica sobre o inexorable paso do tempo, e unha clara homenaxe á resistencia da protagonista ante as adversidades da vida rural, ligada á terra e ao mesmo tempo oprimida por unha contorna familiar asfixiante”, contan dende o Cineclube Padre Feijóo.

A cinta será proxectada na Biblioteca Municipal de Ourense en tres pases (18:00, 20:30 e 23:00) e o custo da entrada é de catro euros para asociados e cinco para o público xeral.

Por outra banda, nos “Luns de Filmoteca” continúan cos seus pases do Instituto Francés. Para a sesión do luns 23 de xaneiro presentan un filme de Jacques Demy, do ano 1961, tiutlado “Lola”.

O argumento transcorre na cidade de Nantes onde Lola, interpretada por Anouk Aimée, é unha bailarina de cabaret e agarda o regreso do seu mozo Michel ( Jaques Harden), que é o pai do seu fillo e hai sete anos que machou a América coa promesa de volver cando fose rico. Pero durante a súa ausencia, Lola é seducida polo seu amigo da infancia Rolan, encarnado na pantalla por Marc Michel, e por o mariñeiro americano Fankie (Alan Scott).

A proxección será na sala da Biblioteca Pública e a entrada é de balde e para todos os públicos. Os pases serán ás 20:30 e ás 23:00.

Inicio do terceiro ciclo “Cine e Medicina” 

O Colexio Oficial de Médicos inicia este martes 24 de xaneiro o seu ciclo de Cine e Medicina, que xa vai pola súa terceira edición. A primeira película que proxectarán é “Un médecin de campagne” (Un médico no rural), do ano 2016. Dirixida por Thomas Lilti e protagonizada por François Cluzet, que protagonizou o famoso filme “Intocable”. A entrada ten un custo de 4 euros e existe un bono de 6 películas por 20 euros. A única sesión é as 19:30 horas.

 

Artigos relacionados

Back to top button