CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O ciclo “O País das Bandas” chega esta domingo ao Barco con A Lira de Ribadavia

O concerto da banda de música será ás 19 horas no Malecón, dentro do programa cultural do Cristo 2021

A banda de música A Lira de Ribadavia.

 

O ciclo “O País das Bandas”, promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, chega este domingo 12 de setembro ao Barco de Valdeorras, cun concerto de A Lira de Ribadavia. Unha actuación incluída no programa cultural do Cristo 2021 que terá lugar ás 19 horas no Malecón.

Trátase da formación musical máis antiga de Galicia, con documentos de 1800 que aluden á grande afección que tiña o pobo ribadaviense polas bandas de música. O documento que acredita A Lira de Ribadavia como a decana galega data de 1840, con información da regularización salarial por parte do Concello aos mestres dunha escola de música fundada anos atrás. Desde entón organízase unha Sociedade Filharmónica destinada á formación da mocidade.

Baixo a batuta de Xabier Oliveira, o repertorio previsto para o venres inclúe as pezas Las arenas, Es vedrá, Alvamar, Coldplay, Leria leria, Carrapucheiriña, Mozos do penedo e A Santiago vou.

“O País das Bandas” arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 19 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3.600 músicos, co obxectivo de impulsar a recuperación da actividade das bandas, “como grandes depositarias da tradición musical galega”.

Toda a información sobre a programación do Cristo 2021 no Barco de Valdeorras, no especial en papel do Periódico O SIl de setembro.

Artigos relacionados

Back to top button