CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O cine e a fotografía, protagonistas do acto previo ao xantar do Codillo 2020, na Rúa

O Centro Cultural Avenida e o afeccionado á fotografía Álvaro Rodríguez "Purre" foron os homenaxeados desta XIII edición

 

Dende que o mítico Cine Avenida da Rúa foi restaurado polo Concello, reabrindo as portas ao público en marzo de 1998, pasaron polas súas butacas máis de 250.000 espectadores, unha cifra nada desdeñable que ben merece un recoñecemento. Por iso, a sala cinematográfica foi unha das protagonistas do acto previo ao xantar da Festa do Codillo deste ano. E que mellor que facelo, segundo José Vicente Solarat, concelleiro de Cultura e promotor da restauración do cine (era alcalde por aquel entón), proxectando dous tráilers. Un da primeira película proxectada, Un paseo por la nubes, incluíndo a escena dunha das cancións do filme protagonizado por uns novísimos Keanu Reeves e Aitana Sánchez Gijón; e outro da última, aínda en carteleira, Midway.

 

O alcalde da Rúa Alvaro Fernández entregando o recoñecemento a Purre.

 

O outro homenaxeado do acto foi Álvaro Rodríguez Pérez, popularmente coñecido como Purre, natural da Rúa e gran afeccionado á fotografía que acudía acompañado pola súa familia. Trala proxección dos filmes, a pantalla do cine enchíase con imaxes da súa vida e sobre todo da súa paixón: a fotografía. Unha afección que retomaba no ano 2010 amosando a súa benquerida terra a través do seu obxectivo. “É doado captar o fermoso cando se observa con orgullo”, asegura Purre e vendo as imaxes da Rúa que garda no seu arquivo persoal, demostra sentirse moi orgulloso da súa vila. Nos úlitmos anos as súas fotografías recibiron varios premios aínda que asegura que o día de hoxe foi especial. “Que no teu pobo recoñezan o teu traballo non ten prezo”, dixo, lembrando a emoción que sentiu cando lle dixeron que ía recibir a homenaxe: “fixo que como no filme estivese dando un paseo polas nubes”, dixo despois de que o alcalde lle entregase o recoñecemento: unha creación, bautizada como “Carmela”, realizada por Susana de la Cruz alusiva ao Camiño de Inverno. O recoñecemento ao Avenida recolleuno Isabel Rivero Alonso, a que fora propietaria do cine antes de ser adquirido polo Concello.

O celebrado hoxe foi un acto sinxelo pero emotivo, coas intervencións do concelleiro de Cultura José Vicente Solarat, do alcalde da Rúa Álvaro Fernández e do primeiro tenente de alcalde de Almendralejo Juan Arias. Solarat, encargado tamén de presentar o acto, quen lembrou aos asistentes  que no cine “forxáronse moitas parellas. Aquí vívense emocións e a nosa intención e mantelo coa colaboración e respecto dos espectadores xa que isto está igual que hai 22 anos e iso é grazas ao bo trato da xente e dos que se encargan do seu mantemento”.

 

Os asistentes apoiaron a candidatura aos Goya da película extremeña “Buñuel en el laberinto de las tortugas”.

 

O alcalde da Rúa pola súa banda, deu as grazas aos asistentes falando, sen guión “porque así falo dende o corazón, sentindo o que digo”, dixo. Así, improvisando, deu as grazas tamén a todos os que traballan no Concello e aos veciños, asegurando que “a xente da corporación pouco podemos facer sen a colaboración de todos”. No seu turno, antes de pechar o acto, o representante do Concello de Almendralejo amosou o seu desexo de “abrir agora unha colaboración empresarial coa Rúa para fortalecer aínda máis o noso irmanamento”, asegurando que espera a asistencia da Rúa na Feira do Vino e a Aceituna que celebrarán en maio.

O broche ao acto poñía a foto de todos os asistentes coa cara de Luis Buñuel para apoiar a candidatura aos Goya do filme de animación Buñuel en el laberinto de las tortugas, do extremeño Salvador Simó, que hoxe está en Málaga para optar a un dos galardóns.

Fotos: Mónica G. Bellver

 

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close