En portadaÚltima hora

O cineasta Elías León, de orixe valdeorresa, abre o festival Novos Cinemas de Pontevedra co seu novo filme

Titúlase “Apuntes para una película de atracos” e proxectarase ás 20:30h. no acto inaugural deste certame en Pontevedra
Apuntes para una película de atracos, de Elías León Siminiani. Foto cedida.

Abre o pano a Edición 03 de Novos Cinemas no Teatro Principal de Pontevedra. Xa ás 17h desta tarde de 11 de decembro terá lugar a proxección das pezas xurdidas do obradoiro ‘Un camiño posible’, titorizado polo cineasta Eloy Enciso con alumnado do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo. Na sesión estará presente o propio Enciso e tamén os alumnos e alumnas do obradoiro para presentar e defender as súas creacións antes o público asistente.

Sen embargo, non será ata ás 20:30h. cando teña lugar o acto inaugural do certame nese mesmo espazo. Nel poderá verse o filme “Apuntes para una película de atracos”, o novo traballo do cineasta Elías León Siminiani, como antesala da súa chegada ás salas de cine galegas.

Ademais, todo o público interesado poderá asistir tamén a unha clase maxistral gratuíta que o propio Siminiani, director de orixe valdeorresa (o seu pai é natural de Santa Cruz, no municipio de Carballeda de Valdeorras), ofrecerá ao día seguinte -mércores 12 na Casa das Campás de Pontevedra- para desglosar o proceso de rodaxe dun filme así.

Nesta película cóntase a historia de Elías, un director de cine que soñaba con facer unha película de atracos. Durante o verán de 2013 o protagonista le unha noticia sobre a detención de “O Robin Hood de Vallecas”, o líder de “la banda de las alcantarillas” sentindo entón que atopou a oportunidade para cumprir o seu soño e mandándolle unha carta ao cárcere onde cumpre condena. Contra todo prognóstico, Elías recibe resposta tres semanas despois: o Robin Hood acepta que vaia ao cárcere para visitarlo.

Abonos e entradas do festival

O público interesado en adquirir as súas entradas para asistir ao festival xa pode facelo a través de Ticketea a un prezo de 15 euros bono e 3 euros as entradas para unha soa sesión. Para todos aqueles que prefiran facer a súa compra de xeito físico, o festival conta tamén con dous puntos de venda física: a Casa da Luz e o despacho de billetes do Teatro Principal. O acceso aos actos de apertura e clausura serán de carácter gratuíto previa retirada de convite.

O festival Novos Cinemas é un evento organizado pola asociación Novos Cinemas e Matriuska e que conta co apoio de institucións coma o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e a Axencia Galega das Industrias Culturais -AGADIC- e a Universidade de Vigo a través da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra. Ademais conta co patrocinio de diversas empresas.

Artigos relacionados

Back to top button