CulturaCulturaÚltima hora

O cinema galego do valdeorrés Ignacio Vilar desembarca en Barcelona

O filme Sicixia estreábase no Cinema Maldà na noite do 13 de maio e estará en carteleira toda a semana das Letras Galegas
O director valdeorrés Ignacio Vilar amosando o cartel de “entradas esgotadas” para a presentación de Sicixia en Barcelona.

O emblemático Cinema Maldà de Barcelona, acollía na noite do venres 12 de maio a estrea de Sicixia, Paseo polo amor e a Costa da Morte (Vía Láctea Filmes e TVG), nun pase para o que dende horas antes estaba colgado o cartel de “entradas esgotadas”, e que abría a presenza do filme galego na carteleira durante toda a semana das Letras Galegas, nun pase diario (20:30h.)

Ás 20 horas o director valdeorrés Ignacio Vilar, que hai só uns días recollía o Premio á Mellor Película Estranxeira na 50ª edición do World-Fest Houston (EE.UU.), presentaba a longametraxe a todos os asistentes acompañado de Laura Fernández (Vía Láctea Filmes), e a continuación case duascentas persoas “mergulláronse nunha viaxe polas impresionantes paisaxes e os cautivadores sons da Costa da Morte e a Rapa das Bestas de Sabucedo”, explican dende a produtora.

Rematada a proxección, o público tivo a oportunidade de comentar co director diversos aspectos do filme. Tal como explican dende Vía Láctea Filmes, algúns dos temas que se trataton neste coloquio foron “a valentía de Vilar á hora de planificar e levar adiante un proxecto cinematográfico destas características; a mestura de realidade e ficción que Sicixia na súa base; e o inédito proceso de creación dun guión que foi construído a medida que avanzaba a rodaxe”.

Tal como fixo dende a súa estrea, Sicixia mestura cinema e gastronomía e o chef galego Manu Núñez do Resturante Arume, explicou ao público a proposta que desta volta acompaña á presenza do filme na carteleira catalana. Trátase do “Menú Sicixia”, elaborado exclusivamente con produtos da Costa da Morte e dispoñible para todos os clientes do restaurante galego durante a primeira semana do filme na carteleira.

 

Estrea de Sicixia no Cinema Maldà, en Barcelona.

Artigos relacionados

Back to top button