OurenseÚltima hora

O Club Alpino Ourensán desprega as súas 17ª Xornadas Audiovisuais

Desenvolveranse na Sala Vermella do Auditorio de Ourense do 24 ao 27 de novembro
Cartaz das xornadas./ Fonte: Club Alpino Ourensán.
Cartaz das xornadas./ Fonte: Club Alpino Ourensán.

Montaña e imaxe. É unha acertada combinación da que bota man cada outono o Club Alpino Ourensán para achegar á sociedade as vivencias, proxectos e retos acometidos por montañeiros en diferentes partes do mundo. As 17ª Xornadas Audiovisuais deste club permitirán ao público desfrutar e coñecer as paisaxes da Serra Nevada de California, dos montes peruanos ou do Himalaia indú, entre outras. Este ciclo de proxecións celebrarase entre os días 24 e 27 de novembro no Auditorio Municipal (na Sala Vermella) de Ourense sempre ás 20:30h.

O contido da primeira das sesións, prevista para o día 24 será a “Seguridade en montaña” da man do GREIM da Garda Civil. Así na tarde do 25 de novembro Tino Taín presentará a proxección “John Muir Trail”, unha engaiolante viaxe de 400 quilómetros de trekking polo espazo natural da Serra Nevada californiana. “O John Muir Trail é a primeira ruta de sendeirismo nos Estados Unidos. Os inicios do sendeiro son no tesouro de América, o Parque Nacional de Yosemite, e continúa 400 quilómetros por Ansel Adams Wilderness, Sequoia National Park, King’s Canyon National Park, e finaliza no cume máis alto nos Estados Unidos continentais, Mount Whitney 4.421 m”, tal e como se adianta dende o Club Alpino Ourensán, que organiza estas xornadas co patrocinio da Fundación Florencio Álvarez-María Esteban Esteban e coa colaboración do Concello de Ourense.

O programa continuará o xoves 26 de novembro con “Sarushka no Perú” de Isabel, Mar, Laura, Karina e Tamara, cinco montañeiras galegas que a través das súas pegadas (sarushka en quechua) compatirán as súas experiencias durante case un mes en terras peruanas.

A derradeira das proxeccións desta edición correrá a cargo de Félix Criado e estará dedicada á “Apertura dunha nova vía no Thalay Sagar de 6.904 m (Hilamalaia Indú)” en setembro deste ano. Esta montaña “é un obxectivo de primeira categoría para os alpinistas e un lugar venerado polos peregrinos que alí acoden. Admirar o seu cumio foi un dos obxectivos desta expedición que logrou escalalo abrindo a vía Latexos de liberdade”, explican dende o Club Alpino Ourensán.

A asistencia a estas conferencias é gratuíta e pode ampliarse a información sobre elas na páxina web www.clubalpinoourensan.es.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button