DeportesÚltima hora

O Club Atletismo Rúa organiza un evento solidario para “gañar a carreira contra o cancro”

A III edición da proba atlética celebrarase o 6 de maio na Rúa a partires das 11h.

Comeza a conta atrás para a III carreira e andaina contra o cancro que se celebrará o vindeiro domingo 6 de maio na Rúa, adicada nesta ocasión ao cancro de mama co lema “gañemos a carreira contra o cancro”.

É a mensaxe que centra as camisetas que se porán á venda o mesmo día da carreira. Así o adiantaban dende o Club Atletismo Rúa, organizador da proba, na presentación que tiña lugar na mañá do 30 de abril no Salón de Plenos do Concello da Rúa. Isabel Seco, explicou que tanto a andaina como a carreira discorrirán por un circuíto chairo de 7.150 metros “para que todo o mundo poida participar”, con saída e meta na Estación de Autobuses.

Os primeiros en saír, ás 11h. serán os participantes na andaina e media hora despois farano os da carreira popular, continuando coas categorías inferiores (dende sub 16 ata chupetíns), estando prevista a entrega de trofeos e sorteo de agasallos para as 13:30h. aproximadamente.

Na presentación, tamén estaba o cantante Miguel Arias, padriño da carreira, que será quen dé o pistoletazo de saída. Miguel asegurou sentirse moi honrado de poder aportar o seu gran de area e colaborar neste evento, xa que “desgraciadamente o cancro é un tema que me toca moi de cerca”, dixo. O alcalde da Rúa, Luis Ferández pola súa banda fixo un chamamento á participación destacando a dobre vertente da proba: deportiva e solidaria, e animando á organización a seguir levando a cabo inicitivas como esta. A presidenta da AECC en Valdeorras, Gloria Pérez daba ás grazas ao Club Atletismo Rúa por organizar o evento por terceiro ano “e donar a recadación á asociación.

Na presentación tamén estaba un representante de Protección Civil, o delegado da Federación Galega de Atletismo en Valdeorras, o concelleiro de Deportes da Rúa e unha voluntaria da AECC.

Dende a organización esperan unha boa resposta por parte da poboación valdeorresa. Quen desexe participar pode inscribirse (10 euros) na web www.carreirasgalegas.com e nas tendas Trisport da Rúa e do Barco.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button