EconomíaEconomíaÚltima hora

O Club Montaña Trives celebrará as súas XIX Xornadas Micolóxicas do 2 ao 4 de novembro

No programa incluirase a cuarta edición do Concurso Tapa Micolóxica, no que poderán degustarse deliciosas propostas elaboradas con cogomelos en once establecementos de hostalaría triveses e por un prezo de 1,5 euros

 

Cogomelos expostos na pasada edición destas xornadas en Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

Arredor do mundo dos cogomelos xirarán as próximas actividades do Club Montaña Trives. Así do 2 ao 4 de novembro esta entidade organizará as XIX Xornadas Micolóxicas. O seu programa comezará na tarde do 2 novembro coa posta en marcha ás 18h. do IV Concurso Tapa Micolóxica, que se prolongará ata o 4 de novembro ás 15h.

Nesta edición do certame participarán once establecementos de hostalaría: Boliche, Casanova, Quintela, O Lar de Alicia, Sky, San Martín, O Bodegón, A Cantina do Catro, Manolos, Oca Nova Manzaneda e O Paíño. En cada un deles poderá degustarse unha tapa diferente elaborada con cogomelos ao prezo único de 1,5 euros, que será ademais valorada por sabor e presentación polo xurado popular. “Todo o público participante que cumpra coas normas indicadas nas papeletas entrará nun sorteo (de diferentes produtos) que se celebrará na praza do Reloxo o día 4 ás 17h.”, adiantan dende o club.

Ademais as xornadas micolóxicas contarán con outras actividades como son, o día 3 de novembro, ás nove unha charla no Auditorio Julio Vázquez a cargo da Asociación Micolóxica Os Cogordos, despois (entre as 10h. e as 13:30h.) sairase ao campo para recoller cogomelos e ás 14:30h. poderá desfrutarse dun xantar gourmet a base de cogomelos no Hostal Restaurante A Viuda de Trives (o prezo é de 25 euros por persoa, e as entradas estarán á venda ata o 29 de outubro no Sky, Quintela e Boliche).

Despois do xantar procederase á identificación e clasificación dos exemplares recollidos no patio interior da Casa Grande de Trives. En torno ás seis da tarde abrirase ao público a exposición de cogomelos neste mesmo lugar ata as 21h. Xa o domingo 4 de novembro esta mostra reabrirá as súas portas de 10h. a 13:30h. e de 16h. a 18h.

 

Cartel do concurso da tapa micolóxica incluído nas xornadas.

Artigos relacionados

Back to top button