DeportesÚltima hora

O Club Natación Valdeorras deixa a competición ao non poder adestrar polo peche da piscina climatizada

A dirección deste club tomaba esta decisión nunha asemblea celebrada a pasada semana, na que tamén se analizaba a situación tras o peche desta instalación deportiva municipal
Competición deportiva organizada polo Club Natación Valdeorras en abril deste ano na piscina climatizada do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

Nesta tempada os membros do Club Natación Valdeorras non competirán a nivel autonómico como acostumaban facer ata agora. Víanse obrigados a tomar esta decisión “ante a imposibilidade de adestrar en condicións axeitadas tras o peche das instalacións aprobado en pleno polo grupo de goberno municipal e respaldado polo principal grupo da oposición o pasado mes de xuño”. Así o sinalan dende a súa directiva nun comunicado de prensa remitido na tarde do 8 de novembro.

Ademais lembran que os nadadores do C.N. Valdeorras viñan participando dende hai catro anos nas diferentes probas do calendario autonómico e que “por primeira vez puxeron a Valdeorras no mapa da natación galega”. Sen embargo, neste outono non acudirán a ningunha das competicións da Liga Máster, que comezaba en outubro.

A dirección deste club, que tamén dende hai catro anos organiza a Travesía Valdeorras, tomaba esta decisión nunha asemblea celebrada a pasada semana, na que tamén se analizaba a situación tras o peche da piscina climatizada. Ademais esta entidade amosaba a súa “preocupación pola desidia do grupo de goberno municipal para acondicionar e licitar a concesión dunhas instalacións pechadas o pasado mes de xullo. Catro meses despois, nin sequera se iniciou ningunha obra. Os reiterados incumprimentos no calendario previsto para poñer en marcha a instalación deportiva apuntan a que a súa reapertura retrasarase probablemente outros tantos meses. De ser esta a previsión máis optimista, o club podería participar aínda no campionato de verán que se celebrará en maio de 2019”.

O Club Natación Valdeorras recorda ademais que a piscina climatizada do Barco de Valdeorras foi inaugurada no 2011 tras un cuantioso investimento. As deficiencias na súa construción, din dende esta entidade deportiva, “obrigaron a pechala dous anos máis tarde para reparar o sistema eléctrico. Sete anos despois da súa inauguración, a infraestrutura require un nova investimento que supera os 200.000 euros”. E neste senso o Club Natación Valdeorras “cuestiona a responsabilidade do grupo de goberno municipal por asumir unhas instalacións con manifestas deficiencias”.

Esta asociación deportiva también considera que a piscina climatizada do Barco é “unha externalidade que redunda na saúde e benestar de todos os valdeorreses e un servizo imprescindible para unha poboación, xa de por si illada” e insiste en que “pode ser rendible se existe a vontade do goberno municipal de promocionala adecuadamente”.

Ademais, o Club Natación Valdeorras insta ao goberno municipal a que “deixe de divagar sobre a reapertura das instalacións a través dos medios de comunicación locais e anuncie datas concretas e cribles para a reapertura das mesmas. Ata que isto non se produza”, reiteran, este club “abandona a competición sine die“.

Artigos relacionados

Back to top button