ConcellosGalerías de fotosÚltima horaVilamartín

O Club Spinning Valdeorras e Protección Civil de Vilamartín colaboran na retirada de lixo do río Leira

Na tarde deste 1 de decembro retiraban unha neveira e unha lavadora, entre outros artigos

 

Unha das máximas coas que nacía o club de pesca Spinning Valdeorras, á marxe da práctica sen morte, é a defensa do medio ambiente e moi especialmente dos ríos. Por iso non dubidan en actuar cando ven algo que os pode danar. Neste caso ten que ver co lixo que a xente bota ás correntes.

Así, na tarde deste martes 1 de decembro, membros do club acompañados por membros de Protección Civil do Concello de Vilamartín de Valdeorras, procedían á retirada dunha neveira de grandes dimensións, así como dunha lavadora e outros restos de tubos e rexas do río Leira ao seu paso por este municipio valdeorrés.

“Temos que intentar manter os ríos limpos e este moi especialmente, un dos máis bonitos da comarca, que despois de tempo en mal estado, está sendo repoboado de troitas e ten moi boa pinta para a práctica da pesca”, comentan dende o club, asegurando que están tendo moita colaboración por parte do Concello de Vilamartín. Na xornada de hoxe axudaron a retirar a neveira dun dos lugares máis complicados do río, ademais de facilitar un camión para recoller o lixo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button