DeportesPescaÚltima hora

O Club Spinning Valdeorras traerá en xuño a David Arcay, catro veces campión do mundo de pesca a mosca

O domingo día 26 impartirá unha clase mestra para os cativos, con teoría e práctica, no río Sil ao seu paso por San Clodio (Lugo)

Actividade de pesca infantil en San Clodio./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras un intenso mes de maio, con competicións autonómicas e saídas sénior e infantil (https://osil.info/intenso-mes-para-o-club-spinning-valdeorras-con-varias-saidas-de-pesca-e-competicions-autonomicas/) o Club Spinning Valdeorras ten programada unha actividade moi especial para o mes de xuño.

Tal como adianta o presidente Daniel Prada, o domingo 26 contarán coa presenza do coruñés David Arcay, catro veces campión do mundo de pesca a mosca. “Teremos unha xornada en San Clodio, onde temos unha zona marabillosa no río Sil”, di Daniel, explicando que primeiro David daralles unha clase teórica aos nenos na Casa do Río, a carón da praia fluvial, coa proxección de diapositivas e demais, e despois fará unha demostración no río. “Nós irémolo seguindo polo malecón porque a zona préstase”, engade o presidente do club de pesca deportiva valdeorrés.

A actividade está pensada para os nenos pero “ver pescar ao campión do mundo é interesante para calquera pescador que sempre pode sacar algo en claro”, conclúe Prada.

 

David Arcay.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button