En portadaÚltima hora

O “Cohete” asturiano conquista por fin o Rallye de Ourense

José Antonio Suárez proclamábase vencedor desta 54m edición do ROU marcada polas altas temperaturas. O galego Iván Ares era segundo e José Luis Peláez terceiro

 

Hai apenas un mes José Antonio “Cohete” Suárez aseguraba en O Sil Deportivo que o de Ourense é un rallye ao que lle ten un cariño especial e no que se sinte moi a gusto pero que non acaba de dominar. “Ás veces equivócome eu outras veces son as circuntancias pero nunca consigo un resultado positivo”, recoñecía, asegurando que este ano porían todo o esforzo e profesionalidade para poder levalo a cabo. “Confío en que non terei nin boa nin mala sorte senón que será o que teña que ser en proporción ao que traballamos”, dixo.

E tanto el coma o resto do seu equipo deberon traballar moito porque na tarde deste sábado 17 de xullo, tras dúas xornadas de intenso rallye, o piloto asturiano de Recalvi rompía o maleficio e proclamábase por fin, flamante campión do 54 Rallye de Ourense xunto a Alberto Iglesias, cun tempo acumulado de 1:25:28.8 aos mandos do Skoda Fabia. Segundos finalizaban Iván Ares e David Vázquez (Hyundai) a 49 segundos, pechando o podio José Luis Peláez e Rodolfo del Barrio a 4:00.3 minutos. Pola súa banda, Jan Solans e Rodrigo Sanjuan, que permaneceron durante boa parte do rallye no segundo posto, vencían na TC+ final con Ares segundo e Suárez terceiro.

 

Iván Ares no tramo de Toén.

 

A deste 2021, a quinta carreira da tempada e terceira en asfalto do Supercampionato de Rallyes de España, foi unha edición do ROU especialmente marcada polas altas temperaturas que na xornada do sábado rozaron os 40º. Unha calor que fixo sufrir a pilotos, copilotos e mecánicos provocando numerosos abandonos (16 na primeira xornada e 18 na segunda), infinidade de pinchazos (entre eles o de Diego Félix que pinchaba dúas veces na primeira pasada por Toén), buxainas, saídas de vía e mesmo envorcamentos como o de Alberto Pérez. Ademais, os seus difíciles tramos foron un duro exame para os participantes, que toman agora un mes de descanso antes da próxima cita do ano no Supercampionato, o I Rally de Ferrol, a finais de agosto, de novo con tramos de asfalto.

Este esta sendo sen dúbida o ano de José Antonio Suárez que hoxe é aínda máis líder da competición nacional. En Ourense foi o gran dominador sen dar practicamente opcións aos seus rivais, aínda que unha buxaina na segunda pasada pola Peroxa facíao perder dez segundos. Así e todo vencía 7 dos dez tramos, quedando 2 para Jan Solans e 1 para Ares xa nesta tarde de sábado.

 

Afección vendo pasar o rallye.

 

A máis que merecida segunda praza era para os coruñeses Iván Ares e David Vázquez que trala mala sorte que tiveron nas dúas primeiras citas de asfalto do ano en Córdoba e Tenerife, anotaba por fin un bo resultado nesta superficie, consolidando a súa terceira praza no Campionato de España. Un bo agoiro ante a súa saída ao Europeo, ao Rally dei Roma Capitale, a próxima semana. Hyundai mantense na cabeza da clasificación de marcas tras as cinco primeiras probas da tempada.

A loita polo terceiro chanzo do podio do Rally de Ourense Recalvi quedaba entre Álvaro Muñiz e José Luis Peláez. O do Polo R5 fixo valer a maior competitividade da súa unidade para superar a Muñiz en apenas 18,6 segundos, finalizando nunha cuarta posición con sabor a vitoria, despois de ser o máis seguido de todo a fin de semana na cita ourensá e concluír terceiro a primeira xornada. Completou o top 5 da proba, outro piloto da Peugeot Ibérica, neste caso una das grandes promesas do automobilismo nacional, Alejandro Cachón, con Jandrín López como copiloto.

Con respecto ás Copas, Álvaro Muñiz gañaba a Peugeot Ibérica; Jorge Cagiao a Renault Clio Trophy; Diego Ruiloba a Suzuki Swift; e Víctor Navarro a Dacia Sandero Cup. Ademais o piloto oficial de Suzuki, o ourensán Javier Pardo, que este ano participaba cun coche menos competitivo que noutras ocasións, levaba o trofeo José Luis Outeiriño como mellor piloto provincial.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button