EconomíaEconomíaÚltima hora

O Colectivo de Pensionistas de Valdeorras e CCOO convocan unha manifestación no Barco o 15 de abril

Sairá ás 12 h. dende a praza do Concello esta localidade e concluirá en Andrés de Prada

Concentracións cada venres de abril, charlas en diferentes concellos de Valdeorras, recollida de sinaturas e unha manifestación prevista para o mediodía do domingo 13 de abril. Son algunhas das accións reivindicativas que o Colectivo de Pensionistas de Valdeorras e Comisións Obreiras veñen realizando dende hai un mes “na defensa dunhas pensións dignas e do mantemento do sistema público de pensións”.

Así o comentaban varios dos seus representantes nunha rolda de prensa celebrada na mañá do 13 de abril no local de CCOO no Barco. Nela facían un balance positivo da resposta ás actuacións levadas a cabo ata o de agora, en especial, das charlas en concellos da comarca que comezaban o 11 de abril na Rúa e continuaba o 12 de abril en Vilamartín, coa presenza de 42 e 22 persoas, respectivamente. Charlas que terán continuidade nos vindeiros días en Petín e Rubiá.

A seguinte cita de referencia será a manifestación convocada para as 12h. do 15 de abril e que terá como punto de partida a praza do Concello do Barco e rematará na de Andrés de Prada. Dúas son as reivindicacións principais destas mobilizacións: “unhas pensións dignas máis alá do 0,25%, que sexa como mínimo a suba do IPC, e intentar que ningunha pensión sexa inferior ao salario mínimo interprofesional”. Tamén piden que se volva ao Pacto de Toledo.

Ademais levan recollidas 500 sinaturas e teñen previsto organizar charlas nos institutos para involucrar á xente nova nesta problemática e convocar unha asemblea aberta a finais de mes.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button