OurenseÚltima hora

O colexio das Carmelitas (Ourense) gaña o 2º premio do concurso ‘Endesa Educa Dixital’

O proxecto premiado leva por título 'Colexios Verdes'

Recollendo o premio.

 

O colexio plurilingüe Santa Teresa de Jesús, de Ourense, tamén coñecido Carmelitas, conseguiu o segundo posto do III Premio Endesa Educa Dixital, un certame organizado pola Fundación Endesa no que concursaban centenares de centros docentes de toda España.

O galardón era entregado na mañá deste martes 14 de xuño no centro ourensán á titora do grupo, Laura Valcárcel Márquez, por parte de Eva Hernández Bruguera, da Fundación Endesa que promove o consumo responsable de enerxía e o coidado do medioambiente nas aulas a través de programas educativos como ‘Endesa Educa Dixital’.

O proxecto consiste nunha plataforma 100 % interactiva, en liña e gratuíta, dirixida a profesores e alumnos de 3º e 4º de Primaria, que utiliza a gamificación para facilitar a aprendizaxe aos máis pequenos á vez que se divirten. O proxecto premiado leva por título ‘Colexios Verdes’ e foi sintetizado nun vídeo, o que lles fixo gañador de 2.000 euros para equipamento ou infraestrutura eléctrica para o colexio.

Ademais, o traballo realizado polos alumnos ourensáns foi recompensado con diversas actividades educativas que monitores da Fundación Endesa realizaron no centro durante a xornada de hoxe. A representante da Fundación Endesa, manifestou que “o traballo premiado é moi completo, e na súa elaboración participaron todos o nenos, que se disfrazaron de energy corps, o que lles deu moitos puntos. Utilizaron os materiais do kit e presentaron miles de propostas a nivel xeral do colexio sobre temas enerxéticos, que é o que realmente contaba: cantas ideas propós para salvar o mundo”.

 

Alumnos de Carmelitas de Ourense.

 

A titora, Laura Valcárcel, explicou que o traballo realizado polos seus alumnos “é unha experiencia que enlaza desde uns personaxes que a eles gústanlles moito e realmente pasárono moi ben, non só facendo a montaxe do vídeo do premio, senón tamén con todas as ferramentas que lles facilitou a Fundación Endesa”.

Endesa Educa Dixital desenvólvese nunha contorna dixital para o docente, o que permite implantar este programa con total flexibilidade temporal e xeográfica, adaptándose ás necesidades e características de cada grupo. Está deseñado en varias etapas: formación previa para o profesorado mediante vídeos explicativos, entrega dunha guía docente para que poidan desenvolver as actividades de forma autónoma, un concurso intercolegial, e unha última etapa na que aprenden sobre enerxía e gozando desta iniciativa.

A través de retos e probas de natureza científica, o alumnado participante desenvolve capacidades como a comunicación oral e escrita, o tratamento da información e as habilidades sociais e cívicas. Está baseado nunha historia orixinal e motivadora, na que coñecen aos energy corps, superheroes enerxéticos como a comandante Ronsel e o piloto Ray, que viaxan pola galaxia recrutando axentes para superar misións para xerar electricidade e crear novas formas de mobilidade para prepararse para a misión final: salvar o mundo, participar nun concurso entre colexios e optar a un dos tres premios que ofrece o programa aos centros gañadores.

Artigos relacionados

Back to top button